O museo La Casa de la Troya celebra o seu vixésimoquinto aniversario cun documental, un disco e diversas actividades ao longo do ano

Mañá celebrarase un acto no Museo das Peregrinacións, ás 20 horas, coa presenza do reitor, o alcalde, o secretario xeral de Cultura e a presidenta de Alumni USC 

Xerardo Estévez, alcalde en 1993, falará daquel tempo antes da estrea da cinta que recrea as orixes troyanas

La Casa de la Troya celebra en 2018 o vixésimoquinto aniversario da súa apertura como museo romántico e da estudantina universitaria. Foi un sábado 27 de febreiro de 1993 (sábado), en pleno ano xubilar, cando as principais autoridades asistiron ao acto de inauguración, que ademais dunha visita polo vella pensión universitaria que perpetuou Alejandro Pérez Lugín na súa novela de 1915, fíxose unha simbólica teatralización. Consistiu en que os principais personaxes do relato costumbrista abrían gradualmente as ventás do inmoble e asomábanse mentres eran presentados por Xosé Luis Bernal “Farruco”, elegantemente vestido de época como os demais actores.

O presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns e director do museo, Benigno Amor Barreiro, interpretaba naquela data ao protagonista da novela, Gerardo Roquer, trasunto do propio Pérez Lugín. Lembra que foi un día “gozoso e de troula”, pero cun especial sentimento para seu pai, Benigno Amor Rodríguez (falecido en 2009): “Aquel día compartín a satisfacción de meu pai que por fin vía como se cumpría o soño polo que tanto loitou, anos e anos, para abrir o museo ao mundo, logo de conformar o necesario soporte administrativo, legal e económico”. O museo rexistrou máis de 60.000 visitas nestes vintecinco anos, “unha cifra notable xa que normalmente só se abre tres meses ao ano, e con significativa presenza de estranxeiros”, segundo explica Amor.

A Asociación preparou un programa de actividades para celebrar a singular efeméride que se prolongará ao longo de todo o ano. Mañá martes, día propio do aniversario, celebrarase ás 20 horas un acto institucional no Museo das Peregrinacións coa presenza do reitor da USC, Juan Viaño; a presidenta de Antigos Alumnos USC, Benita Silva; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, cuxas respectivas institucións forman parte do seu padroado. O que fóra alcalde daquela, Xerardo Estévez, contextualizará o decenio dos noventa en que se abriu o museo e, deseguido, estrearase o documental “A Compostela de La casa de la Troya”, de media hora, sobre o mundo troyano, dirixido por Aser Álvarez e Benigno Amor, filmado por Nacho Santás e no que actúan Suso Martínez e Jaime Amor.

Amor explica que é unha viaxe os tempos de La casa de la Troya, cunha ficción na que Manolito Casás, personaxe da novela, se lle aparece a un neno na Casa de la Troya e o leva a facer un percorrido polas rúas de Compostela e lembrar os seus anos de universitario. O relato amósase mesturado con intervencións de persoas como o propio Xerardo Estévez, Darío Villanueva (director da Real Academia Española e ex reitor da USC), Encarna Otero (profesora de Historia e ex concelleira), José María Fonseca (antiguo tuno e presidente de Bodegas Terras Gauda), Anxo Angueira (presidente da Fundación Rosalía de Castro), Suso Couceiro (libreiro) e Waldo Caamaño (antigo estudante en Santiago).

Un CD, gravado polos Troyanos de Compostela antes do Nadal no centro cívico do Romaño, será presentado arredor da primavera. Trátase dun disco dirixido polo mestre Fernando Reyes que inclúe músicas do tempo real en que funcionaba a pensión de universitarios, así como repertorio tradicional de tuna. O grupo está integrado por antigos tunos.

Visitas escolares, actuacións solidarias, unha viaxe a Porto (Portugal) para participar nun encontro de tunas veterás e a posta en marcha de Aula troyana, que consiste na celebración de  charlas-coloquio, configuran un cartel, aínda por completar, que tamén contempla a posibilidade de proxectar a primeira película, muda e en branco e negro, que se fixo como adaptación do texto autobiográfico de Pérez Lugín.

Amor sinala que se trata dunha celebración “aberta” á cidadanía e que acontece no Ano Europeo do Patrimono Cultural, “porque conservar o patrimonio material e inmaterial é obriga de todos”, segundo destaca. “Tamén é a nosa forma de presentármonos en sociedade cun traballo propio, no que ademais de coidar e abrir o museo buscamos recuperar con rigor e agarimo tradicións propias, para compartilas e divulgalas desde a nosa cidade universal”, conclúe.

A casa-museo 

O museo La Casa de la Troya recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago de finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya, cuxa primeira edición –con capa ilustrada por Castelao– data de 1915. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. O mesmo inmoble, o número 5 da rúa da Troia, funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993, xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns.

O edificio

É un edificio remodelado que ocupa unha parcela de 60 m2 e posúe unha superficie construída e visitable de 180 m2, que están distribuídos en planta baixa, dúas plantas nobres e unha azotea, ademais do soto que se usaba para as cortes. Está ambientada con mobles e útiles da época, entre os que destaca o instrumental médico cedido pola familia Vaamonde, en cuxa casa da rúa do Vilar ten hoxe a súa sede o Consorcio de Santiago. O mecenas Amor Rodríguez fora na procura de vigas de castiñeiro para o chan. Son estancias evocadoras e cargadas de sentimentalismo. Unha recente adquisición foi a frauta de traveseira “La mariana”, pertencente ao antigo tuno santiagués Miguel de Justo Gutiérrez (1903-1965) e doada polo seu fillo Jorge. É unha singular peza fabricada en París no ano 1860, que xa está exposta no cuarto de Roquer-Lugín.