O Consorcio de Santiago vai restaurar o cortaventos da entrada da capela de San Roque, que procede da catedral compostelá

Datada no século XVII, é unha peza singular pola riqueza da súa talla, deseñada polo arquitecto Domingo de Andrade

O Consorcio de Santiago acaba de licitar o servizo de conservación e restauración do cortaventos da porta principal da capela de San Roque, situada na rúa Santa Clara, por un importe de 22.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 19 de febreiro para presentar as súas propostas. Prevese un período de execución de seis meses.

Este cortaventos de madeira foi deseñado polo arquitecto Domingo de Andrade, mestre de obras da catedral de Santiago. É unha peza singular pola riqueza da súa talla e única pola súa cronoloxía e autoría. No seu proceso construtivo interviron diferentes artífices vencellados á fábrica da catedral compostelá.

Para a súa restauración podería ser necesario desmontar a carpintería de madeira de castiñeiro, co fin de recuperar os seus elementos ornamentais e ferraxes en mal estado. Preténdese eliminar a capa de verniz existente de cara a restablecer a capa de policromía orixinal. Así, reintegrarase a superficie policromada, para o que se empregarán pigmentos naturais. Por outro lado, aplicarase un tratamento antixilófagos, co fin de solventar os ataques actuais e previr os futuros.

Unha peza de gran valor histórico e artístico, ornamentada con motivos xacobeos

A profesora de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Mª del Carmen Folgar de la Calle realizou un estudo histórico desta peza de gran valor histórico e artístico. Tal como se recolle neste estudo, as orixes da capela de San Roque están relacionadas coas consecuencias dunha peste, que, en tempos do arcebispo Alonso III de Fonseca, asolou a cidade de Santiago a finais do ano 1516.

Debido a que en 1775 se iniciaron obras na fachada, considérase necesario o ensanche da porta principal e a colocación dun cortaventos, que se precisa “para preservar de polvo y ayres la capilla y sus retablos”. A súa instalación demorouse ata 1781.

O cortaventos acota na entrada da capela un pequeno espazo, a modo de portal (zaguán). Ornamentado con motivos xacobeos, procede da catedral de Santiago e está datado a finais do século XVII. Noutra época formou parte das portas do cruceiro da catedral.