Futuros médicos galegos coñecerán o valor terapéutico das augas dos nosos balnearios

A Cátedra de Hidroloxía Médica-Balnearios de Galicia da Universidade de Santiago comeza un novo curso académico e os alumnos realizarán prácticas en varios centros da comunidade 

Expertos médicos salientan que a medicina actual debe considerar outros factores terapéuticos como a balneoterapia para previr e curar determinadas doenzas

A Cátedra de Hidroloxía Médica-Balnearios de Galicia da Universidade de Santiago inicia un novo curso académico formando aos futuros facultativos na cura termal. A materia de hidroloxía médica comezou a impartirse na USC en 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en toda España, e que forma cada ano a máis dun centenar de alumnos.

Agora ponse en marcha un novo convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Universidade de Santiago para financiar a Cátedra durante os catro vindeiros cursos académicos, ata o ano 2021. Así, a Axencia de Turismo de Galicia aportará cada curso un total de 40.000 euros, destinados a apoiar as actividades que se desenvolvan no marco desta iniciativa.

O director da Cátedra é o doutor Juan Gestal Otero, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago. Salienta “a importancia de iniciar aos alumnos na utilización desta modalidade de terapia na súa práctica médica”. Nesta liña, os futuros médicos coñecerán as indicacións terapéuticas dos distintos tipos de augas mineromedicinais que existen nos balnearios galegos. Para iso participarán en sesións prácticas durante varias fins de semana en balnearios da comunidade, en particular nos ourensáns de Laias (no concello de Cenlle) e Arnoia, no pontevedrés de Mondariz, e nos lucenses de Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. Estas xornadas celebraranse ao longo dos meses de febreiro e marzo.

Nestas sesións, impartidas polos directores médicos de cada centro, abordarase o valor terapéutico das augas mineromedicinais no tratamento da dor crónica e das patoloxías reumáticas, así como os seus beneficios de cara a un avellentamento activo. Tamén se afondará en diferentes terapias e técnicas termais, ao tempo que se presentarán as indicacións actuais da balneoterapia nos procesos crónicos e na promoción xeral do benestar.

A actividade da Cátedra

O doutor Gestal explica que, no marco da Cátedra, vanse elaborar este curso dous documentais sobre os procedementos terapéuticos que se levan a cabo nos balnearios, un sobre “O Balneario no tratamento das patoloxías osteomusculares” e outro sobre “O Balneario no tratamento das patoloxías respiratorias”. Ademais, sinala que seguen a traballar na protocolización dos procedementos terapéuticos que se empregan nos balnearios, co fin de unificar o proceso de atención médico-paciente en todos os centros termais galegos.

Por outro lado, vaise realizar unha reimpresión do Vademécum de augas mineromedicinais de Galicia, o primeiro destas características que existe na comunidade e que recolle as indicacións terapéuticas das diferentes aguas dos balnearios galegos, para continuar coa súa difusión entre os médicos de toda Galicia. O pasado ano distribuíuse, coa importante colaboración das Subdireccións de Primaria das Xerencias do SERGAS, a todos os facultativos de Atención Primaria, de Puntos de Atención Continuada (PAC) e pediatras de Primaria das Xerencias de Ourense, Santiago, A Coruña e Lugo. “Este ano imos distribuílo aos médicos de Atención Primaria, PAC e pediatras das Xerencias de Ferrol, Pontevedra e Vigo; e aos especialistas en dermatoloxía, neumoloxía e rehabilitación de Galicia a través das respectivas sociedades científicas” -indica o doutor-.

O doutor Gestal anuncia ademais que a Cátedra vai participar na vindeira edición de TERMATALIA, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que este ano se vai celebrar en Brasil, na Foz de Iguazú, no mes de setembro.

O avellentamento da poboación, o incremento das enfermidades crónicas e o estrés fan que o termalismo teña cada vez máis aplicacións na medicina actual

O director da Cátedra destaca “o peso cada vez maior da hidroloxía médica na medicina actual, pois o avellentamento da poboación, o incremento das enfermidades crónicas e o estrés fan que o termalismo teña cada vez máis aplicacións”. E indica que “a medicina actual debe considerar outros factores terapéuticos como a balneoterapia para previr e curar determinadas doenzas”. Nesta liña, asegura que “a cura termal pode favorecer a posibilidade natural de recuperación do organismo”.

“Na actualidade é indiscutible o valor da balneoterapia como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos patolóxicos de evolución crónica. A cura balnearia é unha terapia pouco agresiva, suave, ben tolerada, que rara vez ocasiona efectos secundarios” -manifesta o doutor-. Asegura que se trata dunha “terapia complexa que aporta, ademais dos efectos curativos específicos, en función das características da auga e das vías e técnicas de administración, os beneficios das circunstancias ambientais que proporciona o propio balneario”, ao que considera “un lugar ideal para a promoción da saúde”.