A Cámara de Santiago organizará este ano 14 misións comerciais e asistencia a feiras internacionais en diversos países de todo o mundo a través do Foexga

Un total de 123 empresas participaron en 2017 nas 24 accións convocadas pola entidade compostelá

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela presenta o calendario de accións de internacionalización para 2018, incluídas no Plan de Fomento das  Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinado polo Igape co obxecto de fomentar as exportacións das empresas galegas.

A Cámara de Santiago ofrece este ano ás empresas once misións comerciais. No mes de marzo organizaranse dúas misións, a Alemaña sobre o aluminio e aos Países Baixos sobre o sector biotecnolóxico. Para abril programouse unha misión plurisectorial a Emiratos Árabes Unidos e Omán, e outra plurisectorial a Perú e Chile. En maio, as empresas terán a posibilidade de participar nunha misión directa plurisectorial a Arxentina e Uruguai, ademais de viaxar as empresas do sector da madeira a Francia. En xuño, o sector do naval terá a súa misión en Singapur e Indonesia, e tamén se organizará unha misión plurisectorial a Colombia e Ecuador, xunto con outra a Boston do sector biotecnolóxico. Xa á volta do verán, celebrarase en setembro unha misión plurisectorial a Alxeria. Tamén está prevista a asistencia a varios encontros profesionais, como a participación na feira de pescado conxelado e conservas “Galician Seafood” en Reino Unido en marzo; a asistencia á Feira de Artesanía de Miami no mes de abril; e a participación no evento Galician Gourmet Extravaganza en Suíza en xullo.

A entidade expediu 1.971 certificados de orixe en 2017 

Por outra parte, a Cámara explica que en 2017 celebrou 16 accións de internacionalización de xaneiro a novembro dentro do Plan Internacional de Promoción (PIP), que conta co apoio de fondos FEDER a través da Cámara de España, nas que participaron 74 empresas, das cales 18 eran firmas da área cameral de Santiago. E dentro do Foexga, organizáronse o pasado ano oito accións de comercio exterior, nas que participaron 49 empresas, das cales dez eran da demarcación compostelá.

Ademais, a Cámara expediu o pasado ano 1.971 certificados de orixe –un documento que explica o lugar de orixe das mercadorías, coa finalidade de satisfacer os requisitos aduaneiros ou comerciais– entre empresas da demarcación cameral e 805 legalizacións de documentos, entre outros servizos prestados.