José Luis Pereiro reedita o seu libro de 1981 no que analiza e estuda a historia urbanística de Vigo nos dous últimos séculos

A publicación, coeditada polo Colexio de Arquitectos de Galicia e o Concello de Vigo, presentarase esta tarde na sede colexial da cidade, ás 18:30 horas

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia acolle esta tarde, ás 18:30 horas, a presentación da reedición do libro “Desarrollo y deterioro urbano de la ciudad de Vigo”, escrito polo arquitecto José Luis Pereiro Alonso e editado polo Colexio de Arquitectos de Galicia e o Concello de Vigo. O acto, que se celebrará na sala de usos múltiples da delegación, estará dirixido polo decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, e a concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, María Xosé Caride.

Esta publicación é unha edición revisada do libro, editado por primeira vez en 1981, con impresión a cor. Preséntase a evolución urbana da cidade de Vigo desde a consolidación dos primeiros asentamentos ata a chegada das coorporacións democráticas nos anos oitenta do século XX.

O libro está baseado na tese de doutoramento do seu autor José Luis Pereiro, titulada “El desarrollo urbano de Vigo. Del recinto amurallado al Plan Palacios”, que dirixiu o  catedrático de urbanismo da E.T.S. de Arquitectura de Madrid, Emilio Larrodera, en 1977. “Cando o empecei a redactar, lembro a enorme dificultade coa que me atopei dada a inexistencia de antecedentes e documentación histórica da cidade, pois foi un dos primeiros intentos en analizar e estudar a historia urbanística de máis de dous séculos nesta cidade de Vigo” –explicou o autor–.

“As forzas do mercado e outras circunstancias que se analizan impediron ao longo dos anos realizar un plan urbano coherente co medio físico, civilizado e integrado na paisaxe”

Durante os últimos anos, o planeamento urbano e o urbanismo, como disciplina, sufriron unha profunda crise, ao evidenciar a clara contradición entre os seus fundamentos teóricos e os resultados prácticos das cidades. José Luis Pereiro considera que o caso da cidade de Vigo pode servir de exemplo desta sorprendente contradición, entre os fundamentos teóricos do urbanismo e os seus plans de ordenación, en relación co resultado da cidade de hoxe.

O arquitecto indica que, salvo os fracasados plans de ordenación da cidade de mediados do século XIX (Marcoartú e José Mª Pérez) que proxectaban unha nova poboación sobre a zona do Arenal, a vella cidade amurallada e a zona de Guixar, o plan realizado na cidade adoeceu, en xeral, desta calidade urbanística, pois “as forzas do mercado e outras circunstancias que se analizan no libro, impediron ao longo dos anos realizar un plan urbano coherente co medio físico, civilizado e integrado na paisaxe”.

Por todo iso resultou que o contido deste libro é, en resumo, a análise histórica dunha gran “frustración colectiva”, ao comprobar que, sendo a cidade de Vigo pioneira no campo urbanístico na primeira metade do século XIX, por contar cos primeiros plans urbanísticos realizados no país (plans da Nova Poboación de Muller en 1810, de Marcoartú en 1837 e de José Mª Pérez en 1853). Pero a autor lembre que estes plans non chegaron a consolidarse, polo que se perdeu unha ocasión única para a ordenación civilizada da cidade, tendo en conta a existencia na súa contorna dunha paisaxe singular e privilexiada que debería ser protexida e integrada no desenvolvemento urbano, e non destruída.

Tamén o arquitecto sinala que dentro desta historia urbanística existiron teóricas e utópicas propostas de ordenación para transformar a cidade (como o plan realizado por Antonio Palacios), que supuñían unha nova e “refrescante” ilusión que cautivou á maioría da poboación daqueles anos, pero pronto viron frustradas as súas esperanzas e ilusións de futuro, ao ser anulado o citado Plan de Ordenación polo novo réxime xurdido despois da Guerra Civil en 1936. Pereiro Alonso destaca que a citada frustración consolidouse nos anos sucesivos, ata o final do contido deste libro, nos anos 1980, época na que se inicia unha nova etapa democrática.

No último capítulo do libro analízanse unhas consideracións finais sobre as características que debe reunir toda cidade, aplicadas ao caso de Vigo, e que poidan dar pautas a futuros desenvolvementos. En todo caso, despois deste percorrido histórico polo urbanismo da cidade, Pereiro explica que se poden sacar unhas claras conclusións para o seu futuro crecemento, as cales deben apoiarse en tres alicerces básicos:

  • A necesidade dun lento, constante e enriquecedor proceso de educación e mentalización cidadá, do dereito á consecución dunha cidade civilizada, proceso que debe potenciarse desde o ensino primario como un tema cultural.
  • Que ao non ser posible transformar a sociedade a través do plan, é preciso recoñecer e acoutar o xusto alcance do plan urbano, como un mero instrumento de traballo, que axude a facilitar e obter as mellores condicións de vida para a sociedade, representada nas corporacións democráticas.
  • Fomentar unha intensa participación cidadá no urbanismo, a través dos representantes elixidos nas novas corporacións democráticas.