A Área Empresarial do Tambre recoñece a perseveranza empresarial de catro compañías instaladas no polígono

 Jesús Chenel, presidente: “No movemento asociativo non se pode substituír o cara a cara e o apretón de mans” 

O conselleiro delegado de ABANCA repasou o apoio ás empresas da área de Santiago, ás que a entidade dirixiu un 10,3% máis de financiamento en 2017 

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) rendeu hoxe homenaxe a catro empresas situadas no polígono industrial que cumpriron vinte e cinco anos como asociadas en 2017. Son a estación da ITV do Tambre –Supervisión y Control (SyC-ITV)-Applus–, Cingalsa, Agencia Gráfica Gallega e a oficina de ABANCA no polígono.

A festa do asociado, que se celebrou na sede da Asociación, contou coa asistencia de diversas autoridades autonómicas e locais e representantes de asociacións empresariais, como o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; a concelleira de Promoción Económica de Santiago, Marta Lois; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias; os representantes da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros e José Puente; e dos grupos municipais e empresarios do polígono.

Ademais, das empresas distinguidas asistiron ao evento Patricia Ponce, directora da estación do Tambre de Supervisión y Control (SyC-ITV)-Applus; Jesús Souto de Cingalsa; o xerente da Agencia Gráfica Gallega, Francisco Javier Facal; e da entidade ABANCA o seu conselleiro delegado, Francisco Botas, o director Territorial, Juan Carneiro, o director de Zona Santiago Ciudad, Ramón Mariño, e o director da oficina do Tambre Ricardo Villar. Os homenaxeados recibiron un pergameo acreditativo e un pequeno agasallo.

Plan de emprego con sesenta participantes e trinta e cinco insercións laborais

O presidente de AEPIT, Jesús Chenel, deu os seus parabéns ás catro empresas homenaxeadas que xa cumpriron as súas vodas de prata no polígono do Tambre, traballando e esforzándose día tras día para ver crecer os seus negocios. “A continuidade fainos estables, fortes e importantes, porque nos asegura o éxito da carreira de fondo” –asegurou–.

Nunha era na que prima a tecnoloxía e a innovación, o presidente sinalou que aínda, máis que nunca, se precisa das relacións persoais e a actividade humana para acelerar o progreso na área industrial e na propia cidade. “No movemento asociativo non se pode substituír o cara a cara e o apretón de mans” –manifestou–.

Nesta liña de traballo, Chenel lembrou que este ano a asociación fixo unha reforma dos seus estatutos  para coller un novo impulso e prestar mellores servizos aos empresarios. Creouse a figura do socio colaborador, categoría que indicou o presidente xa ostentan Banco Sabadell Gallego, Vagalume Enerxía e Seguros Clemente Piñeiro. “Somos máis de 400 asociados  e estamos incorporando empresas da Sionlla para seguir medrando” –apuntou–. E tamén para favorecer ao benestar social e económico da contorna, o presidente fixo mención ao plan de emprego da asociación, que este ano, grazas ao financiamento da Consellería de Economía, tivo sesenta participantes e alcanzou trinta e cinco insercións laborais.

O proxecto Biotecmadeira

En canto á Sionlla, o presidente fixo referencia ao proxecto Sionlla Biotecmadeira, no que a Área Empresarial do Tambre está involucrada xunto a outros axentes da cidade –Concello de Santiago, Cámara de Comercio e Universidade–, e a Xunta de Galicia –Consellería de Infraestruturas, Igvs e Igape–. Trátase dunha colaboración  destinada a sentar as bases dun conglomerado de compañías innovadores arredor do sector da madeira co fin de reindustrializar a cidade, a chamada industria 4.0. “Os incentivos e bonificacións da Xunta de Galicia foron clave para atraer novas firmas, e xa comezamos a albiscar proxectos novos que estimularán a ocupación do solo industrial, aínda que sen esquecer que a Sionalla ten un total de un millón e medio de metros cadrados” –explicou.

E nun día no que o ministro de Fomento visitou Santiago para presentar a nova estación intermodal, o presidente da asociación tamén aproveitou o acto para analizar a situación actual das infraestruturas da cidade, destacando os proxectos estratéxicos como a ampliación a catro carrís da ponte de entrada ao polígono, a obra da variante de Aradas e a necesidade do enlace orbital.

Na súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou que a ilusión, o esforzo por competir e o afán por innovar son as claves que fan crecer unha empresa e asegurou que o reto é conseguir que a industria siga crecendo nesta zona con novos proxectos empresariais, como a través do polo tecnolóxico de biotecnoloxía e madeira.

Tamén destacou Conde o esforzo da Xunta por facilitar o día a día das empresas a través de medidas como a aprobación da Lei de implantación empresarial que, coa axuda dos Concellos Emprendedores, posibilitará o acceso a vantaxes administrativas e fiscais para que as empresas conten con apoios que lles permitan conquistar novos mercados, innovar nos seus procesos e servizos e formar aos seus profesionais.

Marta Lois felicitou ás empresas distinguidas por levar un cuarto de século de actividade empresarial no Tambre, sendo capaces de “xestionar os bos tempos e sen deixarse asoballar polos momentos difíciles”.

A concelleira sinalou que o Polígono do Tambre é un dos motores económicos de Compostela e, como tal, “debemos traballar entre todos e todas para potencialo como se merece, reivindicando como Concello e como cidade que as administracións responsables executen as infraestruturas precisas que contribúan a esta potenciación do noso polígono, como o enlace orbital, a intermodal ou a depuradora, tres infraestruturas clave para Compostela”. Ademais, destacou que, mediante a colaboración entre institucións e administracións, estase levando a cabo un pacto pola reindustrialización de Comopstela co obxectivo de conseguir un maior peso e músculo industrial. “A biotecnoloxía e industria madereira parecen ser as chaves do desenvolvemento doutros dos polígonos da cidade como é a Sionlla” –explicou–.

Pola súa parte, Antón Arias sinalou que este acto de recoñecemento aos 25 anos de traballo das empresas na Asociación da Área Epresarial do Tambre e súa traxectoria avalan os beneficios que proporciona o asociacionismo empresarial, xa que “coa unión é posible acadar os intereses de todas e cada unha das empresas que compoñen unha asociación”. 

Evolución económica de Galicia no contexto xeral español, europeo e mundial

O acto, presentado pola xornalista Paula Pájaro, iniciouse cunha charla empresarial do conselleiro delegado de ABANCA, Franscico Botas. Comezou repasando a evolución económica de Galicia no contexto xeral español, europeo e mundial, que sumada ás actuais condicións de financiamento perfilan “un bo momento para a realización de investimentos empresariais”.

Francisco Botas destacou a positiva evolución de ABANCA nos últimos tres anos e o compromiso da entidade coa concesión de financiamento, especialmente ao tecido empresarial. “Somos a entidade con maior crecemento do crédito a clientes no último ano e dedicamos o 63% do noso novo financiamento a pemes e autónomos” –trasladou aos asistentes–.

O conselleiro delegado tamén repasou o apoio ás empresas da área de Santiago, ás que ABANCA dirixiu un 10,3% máis de financiamento en 2017, así como outros elementos claves da estratexia da entidad financeira, como a especialización comercial, o novo modelo de oficina moderno e dixital, o investimento en dixitalización e o compromiso con Galicia e as súas empresas.