Manuel Gallego Jorreto aspira a que a contorna galega sirva de inspiración para a construción dun novo medio urbano respectuoso coa natureza

Celestino García Braña, vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes: “A obra creada por Manuel Gallego destaca pola súa alta calidade e a influencia que tivo na formación da moderna tradición arquitectónica galega” 

O arquitecto do Carballiño, gañador do Premio Nacional de Arquitectura, ingresou hoxe na Real Academia Galega de Belas Artes como académico de honra 

O arquitecto Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) pronunciou hoxe o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académico de honra. O acto celebrouse no Museo de Belas Artes da Coruña. Tan relevante arquitecto, posuidor do Premio Nacional de Arquitectura, enunciou un solemne discurso, titulado “Sobre as relacións entre a arquitectura e a natureza”.

Como introdución, Gallego Jorreto explicou de forma sintética que a arquitectura representa o artificial, o creado polo home fronte a unha orde natural, pero sinalou que as relacións existentes entre ambos termos son múltiples e complexas, aínda que co transcorrer do tempo e o diálogo establecido polo ser humano vanse definindo no espazo uns usos determinados, funcións e formas cos seus significados e simbolismos e tradicións. “Historicamente estas relacións van cambiando coas culturas de cada lugar e en cada tempo” –destacou–.

Máis polo miúdo, o arquitecto concretou que na relación inmediata da arquitectura coa súa contorna natural débese reflexionar sobre as conexións, continuidades e fluidez do espazo arquitectónico interior co espazo natural exterior, é dicir, analizar a presenza da natureza na arquitectura a través do soporte conceptual que as une.

Coa ollada posta en Galicia, Gallego Jorreto lembrou que a xeración Nós xa nomeara esa disposición ante a natureza coa palabra terra, para expresar os lazos que unen aos habitantes con ela, xa que o arquitecto considera que cada cultura percibe e sente dunha forma determinada a natureza.

Citando un texto do sociólogo Behrendt, escrito no primeiro tercio do século XX, no que se expón que arquitectura e natureza conducen a dúas clases de arte antagónicas que representan a bipolaridade profunda do ser humano sobre a que se constrúe a interpretación da realidade –razoar e sentir–, Jorreto manifestou que “é o coñecemento renovador do medio natural onde se vive o que está abrindo novas vías para entender a arquitectura que se produce, así como a súa relación coa natureza”. 

Da arquitectura popular rural á globalización 

Para exemplificar esta relación entre arquitectura e natureza, Manuel Gallego expuxo as súas reflexións sobre os cambios producidos na cultura arquitectónica nos últimos cincuenta anos, baseándose na súa experiencia profesional. Realizou un repaso desde o Movemento Moderno, á Posmodernidade e Globalización ata o momento presente.

En primeiro lugar, o arquitecto fixo unha especial referencia á arquitectura popular rural, moi importante en Galicia e de gran valor por achegarse á arquitectura como creación. Neste caso, argumentou que o ser humano modificou o espazo natural porque o necesitaba para vivir. Directamente relacionada con esta visión, xorde a continuación a arquitectura pre-industrial rural, período no que según Jorreto xorden as comuinidades preindustriais rurais baseadas en arquitecturas construídas para dar acubillo e refuxio a persoas e animais. Explicou que a súa acción construtiva consiste en ordenar a materia xa existente, cultivando a terra e coidando aos animais domésticos, en definitiva organizando o hábitat. “Aquí a relación entre artificio e natureza é de igualdade. As arquitecturas convértense en instrumentos para desenvolver a vida, constrúese no medio natural, transformando o territorio pero sen destruílo e sen ningunha preocupación estética” –asegurou–.

Xa co espírito do Movemento Moderno, Gallego Jorreto destacou que o desenvolvemento industrial e do transporte trouxo consigo unha nova forma de ocupación do chan, e a cidade tradicional desbordouse orixinando novas formas urbanas e un gran crecemento. Pero paralelamente iniciouse unha loita contra a degradación ambiental co xurdimento das primeiras lexislacións urbanísticas en materia sanitaria. “As novas tecnoloxías abriron novos camiños á arquitectura, e a natureza ocupou un lugar de fondo, destruíndo as zonas libres no interior das cidades que actuaban como auténticos pulmóns” –indicou–.

Seguindo coas súas reflexións, o arquitecto falou do pensamento estruturalista, cunha nova visión do medio ambiente que deu pé a cambios conceptuais. Tamén tocou a Termodinámica da arquitectura, onde se trata ao edificio e á cidade como sistemas termodinámicos abertos e considéranse estruturas materiais portadoras de información ou mesmo sistemas sometidos a un proceso de degradación e conformación simultánea. 

O nacemento do desenvolvemento sostible

E para pechar a súa exposición, referiuse á condición Postmoderna como etapa de crítica ao Movemento Moderno, polo seu carácter restritivo coa expresión artística. Neste punto, Jorreto anunciou a chegada da Globalización con profundos cambios sociais, políticos e tecnolóxicos e revolucións nos campos da informática, información e comunicación. “Os cambios de paradigmas e a nova orde económica cambian a arquitectura que se escora na procura de imaxes impactantes e variables, buscando a orixinalidade e o consumo do produto a escala global. A relación coa natureza continúa esquecida. Os fluxos económicos localizan as accións, así poden convivir construcións dispares, indiferentes a súa proximidade” –relatou–. Enlazando con esta argumentación, Jorreto explicou que neste momento nace unha nova conciencia solidaria, a sostibilidade, que manexa a idea de preservar a natureza e evitar accións que conleven fortes emisións de CO2 ou grandes consumos enerxéticos nun intento de deter o cambio climático. “Aparece unha visión cada vez máis unitaria das disciplinas da arquitectura, o urbanismo e a paisaxe” –manifestou–.

Como conclusión a estas consideracións, Gallego Jorreto indicou que o fundamental é que a natureza sirva de inspiración ao artificial para construír un novo medio urbano, de forma que sexa compatible e non destrúa o medio natural, unha panorama que o arquitecto desexa para Galicia. 

“Mirada atenta, comprometida e arriscada” no horizonte do seu pensamento 

O acto pechouse coa contestación, en nome da Academia, do membro de número da sección de arquitectura, Celestino García Braña. Tras o nomeamento de recoñecidos arquitectos como Rafael Moneo (2012) e Álvaro Siza (2015), o tamén vicepresidente da entidade enunciou na súa disertación que agora é o momento de Manuel Gallego Jorreto, que con esta distinción concítanse as satisfaccións de compañeiros de profesión, usuarios do seus edificios e docentes e estudantes da Escola de Arquitectura da Coruña onde impartiu ensinanzas durante moitos anos. A súa entrada na Academia foi aprobada por votación regulamentaria e con maioría absoluta na sesión plenaria do 1 de abril de 2017.

Nun escenario tan especial como o Museo de Belas Artes, un dos seus edificios máis emblemáticos, García Braña resaltou a importancia da obra creada por Manuel Gallego pola “súa alta calidade e a influencia que tivo na formación da moderna tradición arquitectónica galega”. Mergullándose no seu proceso creativo, García Braña citou unha teoría sobre “Qué é a filosofía?” de Ortega y Gasset, para explicar en que consiste a tarefa desenvolta polo recén nomeado académico de honra no ámbito arquitectónico. “Centrou a súa inmensa ambición en desentrañar o labor último do arquitecto e trata de construír a arquitectura mesma e non tan só levantar edificos, aplicando método, rigor e insistencia. A mirada atenta, delicada, intensa, comprometida e con frecuencia arriscada, propicia unha resposta creativa aos valores do contorno, algo que sempre está presente no horizonte do pensamento de Manuel Gallego” – sinalou–.

Segundo o eixe argumentativo do discurso de Manuel Gallego, García Braña indicou que a aportación máis xenuína do seu pensamento arquitectonico é que, en tempos de cambio tecnolóxico, “a íntima relación entre natureza e arquitectura debe manterse en toda a súa profundidade, sempre debidamente actualizada e enriquecida”.

Manuel Gallego é autor de obras como a residencia do presidente da Xunta de Galicia (Santiago), o complexo administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo (Pontevedra), as casas da Cultura de Chantada (Lugo) e Valdoviño (A Coruña), catro centros de investigación no Campus Vida (Santiago), a casa do Concello e o centro sociocultural de A Illa, e o Museo das Peregrinacións e de Santiago –ao pé da catedral compostelá–, entre outras repartidas por Galicia. A Medalla de Ouro Castelao en 1996, o Premio Nacional da Cultura Galega de 2008, o Premio Celanova de 2010, a Medalla de Galicia en 2016, son as mellores mostras do recoñecemento público aos seus méritos como arquitecto e persoa comprometida coa súa terra galaica, ademais de ter recibido tamén outras distincións de alcance nacional, como o Premio Nacional de Arquitectura (1997), Premio na IV Bienal de Arquitectura Española (1997) e Medalla de Ouro da Arquitectura do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) en 2010.