A recoñecida viola Isabel Villanueva, a primeira estranxeira en ofrecer recitais en Irán, impartirá clases a músicos galegos na Escola de Altos Estudos Musicais

En 2015 recibiu o recoñecemento institucional “Marca España” e foi elixida “embaixadora mundial do talento español”

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza da viola navarra Isabel Villanueva. Xunto aos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o xoves 14 de decembro, pola mañá de 10:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas; e o venres 15 desenvolveranse de 10:00 a 12:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Imparte clases no Reino Unido, Líbano, Irán e China

Isabel Villanueva é, con tan só 29 anos, unha das violas máis destacadas da súa xeración no eido internacional. Traballa por difundir a viola como instrumento con voz propia. Ten ofrecido numerosos concertos en Europa, Asia, Oriente Medio e Rusia. No ano 2013 converteuse na primeira viola estranxeira en dar un recital en Irán.

Os seus concertos teñen sido retransmitidos por radios e televisións de España, Eslovenia, Estonia, Hungría, Líbano, Rusia ou Suíza. Resultou gañadora en numerosos certames internacionais, entre eles en San Petesburgo, República Checa e Moscú. En 2014 foi galardoada co “Prix Albert Lullin” de Xenebra ao instrumentista máis destacado do ano. E en 2015 recibiu o “Premio Ojo Crítico” de Música Clásica de RNE.

En 2015 concedéuselle o recoñecemento institucional “Marca España” e foi elixida “embaixadora mundial do talento español” por Clear Channel. É convidada con regularidade a impartir clases maxistrais de viola en centros do Reino Unido, Líbano, Irán, China, ademais de en conservatorios españois. Toca unha viola de 1670.