A Cámara de Santiago organiza unha xornada para fomentar a creación de empresas entre as mulleres

Celebrarase unha sesión de networking para compartir experiencias e sinerxías sobre os proxectos emprendedores 

Será o 20 de decembro no viveiro de empresas de Costa Vella

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organizará o vindeiro 20 de decembro unha xornada gratuíta dirixida a mulleres emprendedoras e empresarias. A xornada está enmarca no Programa de Apoyo Empresarial a las Mujeres (PAEM), que desenvolve a Cámara compostelá desde hai máis dunha década, cofinancidada  polo Fondo Social Europeo (FSE), o Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades e a Cámara de Comercio de España.

A xornada “Plan de empresa: O teu impulso cara o éxito”, que se celebrará no viveiro de empresas de Costa Vella (rúa República Checa, 40) entre as 9:00 e as 14:00 horas, estará impartida por C&B Asociados. O obxecto fundamental da formación é proporcionar unha visión global dos ítems máis importantes de todo proceso emprendedor axudando ás participantes a responder as dúbidas máis comúns: como elixir a forma xurídica máis axeitada ao proxecto, onde conseguir financiamento, como aprender a realizar un plan financeiro e un plan comercial ou como facer unha presentación eficaz fronte a inversores.

A xornada ensinará ás emprendedoras e empresarias a realizar un proxecto de empresa e un plan de mellora desenvolvido e completo, que poderán utilizar como guía de referencia para a posta en marcha e consolidación do seu negocio, e servirlle ademais como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras.

E partindo de que o emprendemento é algo viral, que moitas veces se contaxia dunhas emprendedoras e empresarias a outras, preténdese tamén fomentar o networking activo entre as participantes para que poidan compartir experiencias e sinerxías contribuíndo así ao seu enxalzamento empresarial.

Máis información e inscricións: www.camaracompostela.com