Un libro lembra a figura do escritor e xornalista compostelán Antonio Neira de Mosquera, un dos grandes representantes da primeira xeración de galeguistas

Rescata 20 escritos moi descoñecidos do autor, onde se trazan as liñas básicas que guiaron aos promotores do Rexurdimento en Galicia 

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presenta a publicación esta tarde, ás 19:30 horas na Fundación Torrente Ballester

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar Galicia ante todo. Páxinas esquecidas do Rexurdimento (1840-1853), centrado na figura e na obra do escritor e xornalista compostelán Antonio Neira de Mosquera, un dos principais representantes do Provincialismo. Esta tarde, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, presentará a publicación na Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas. Ao acto asistirán a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos; xunto ao autor do libro, Xurxo Martínez.

Este libro achégase a Antonio Neira de Mosquera (Santiago, 1823 – A Coruña, 1854), un dos grandes e tamén esquecidos protagonistas da primeira xeración de galeguistas, a xurdida na década dos anos corenta do século XIX, os chamados “Provincialistas”. Este volume, titulado precisamente cunha das proclamas do autor -“Galicia ante todo”-, rescata vinte escritos seus, tanto xornalísticos como literarios, de difícil acceso para público xeral e mesmo para os investigadores. Trátase dunha reveladora escolma onde se trazan as liñas básicas sobre as que se asentaría aquel movemento, a primeira xeración que loitou pola defensa e o rexurdimento de Galicia.

O investigador Xurxo Martínez, Doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e experto no século XIX, é o responsable desta edición. Ocupouse da selección dos textos, ao tempo que redacta un amplo e significativo estudo introdutorio que sitúa, no seu tempo, a figura clave de Neira de Mosquera.

O prólogo asínao o historiador Xosé Ramón Barreiro, catedrático emérito da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. Refírese a Neira de Mosquera como “un dos intelectuais máis notables do romanticismo galego, un traballador que puxo o seu esforzo, o seu talento, a súa capacidade de comunicación e a propia vida ao servizo da dignidade do pobo galego”. 

O escritor galego con maior presenza na prensa española da década dos 40

Tal como explica Xurxo Martínez, “a escolla dos textos procurou ser representativa das tres fases literarias de Neira de Mosquera: o impulso romántico (1840-1843), a produción fecunda (1843-1848) e o reencontro provincialista (1848-1854); e só quere ser exemplo das principais liñas do autor. A estrutura dos textos xornalísticos segue un vieiro cronolóxico, co fin de transmitir a maduración do estilo e da obra literaria. Ademais, inclúese poesía, relato e discurso”. Os textos que se recollen son sempre completos, agás naqueles casos nos que a deterioración do papel impediu a súa correcta lectura.

O autor salienta que Neira de Mosquera “converteuse axiña nun dos máximos activos e eruditos propagandistas da causa do provincialismo, sobre todo na súa vertente cultural, xornalística e historicista”. Vivía na compostelá rúa dos Loureiros. Cando aínda era un mozo de 11 anos ingresa na Universidade de Santiago como alumno matriculado en Filosofía, disciplina indispensable para acceder a unha posterior carreira. Tres anos despois matricúlase en Xurisprudencia, onde contactará con mozos da súa xeración (Xeración de 1846) como Francisco Añón, e logo en Dereito e Leis.

Axiña comeza a súa frutífera andaina no eido xornalístico e tamén nos ámbitos político e cultural, xunto á súa produción literaria. A inxente cantidade de artigos publicados convérteno nun dos escritores galegos con maior presenza na prensa española da década dos 40. O 2 de xullo de 1854, cando tan só contaba 31 anos, morreu de tuberculose na súa residencia da Coruña, onde foi enterrado.

“Que esta achega investigadora sirva para coñecer, difundir e valorar o esforzo dos precursores que entregaron o ouro da súa existencia para engrandecer o país en que hoxe vivimos e a cultura que nos singulariza” -destaca o autor da publicación-.