O percusionista alacantino Lorenzo Ferrándiz impartirá clases a xoves músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do percusionista alacantino Lorenzo Ferrándiz. Xunto aos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o xoves 23 de novembro, pola mañá de 12:00 a 14.00 horas e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas; e o venres 24 no mesmo horario. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Profesor de percusión na Escuela Superior de Música de Cataluña

O alacantino Lorenzo Ferrándiz realiza os estudos de percusión na súa cidade natal. Logo trasládase a Ámsterdam, onde se gradúa nas especialidades de percusión e música de cámara. Foi membro da Joven Orquesta Nacional de España. Ten colaborado con diferentes orquestras tanto españolas como holandesas e dende 1995 toca habitualmente coa Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam. Ademais, foi membro do Grupo de Percusión do Conservatorio de Ámsterdam.

Ten ofrecido concertos e clases maxistrais en cidades como Ámsterdam, Róterdam, Moscú, Berlín, Minsk, Aix-en-Provence ou San Petersburgo. Ao longo da súa traxectoria profesional recibiu diferentes premios en certames internacionais.

Foi profesor de percusión convidado da Joven Orquesta Nacional de España, Joven Orquesta de la Comunidad de Madrid, Joven Orquesta de Cataluña, así como en diversos cursos internacionais. Durante dez anos foi profesor de percusión e do grupo de percusión no Conservatorio de Ámsterdam. Na actualidade é docente na Escuela Superior de Música de Cataluña e no Centro Superior de Música del País Vasco (Musikene).