Estudantes do CIFP Compostela, IES Macías O Namorado de Padrón e IES Xelmírez I participarán este mes na campaña de fomento do espírito emprendedor da Cámara de Santiago

Visitarán o viveiro empresarial de Costa Vella e asistirán a charlas divulgativas sobre o autoemprego

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela inicia unha nova campaña de fomento do espírito emprendedor no ámbito educativo de Santiago e a súa área metropolitana. Organizará unha serie de visitas e charlas divulgativas sobre a importancia do emprendemento, que se celebrarán este mes de novembro no viveiro de empresas de Costa Vella e nos centros de ensino CIFP Compostela, IES Macías O Namorado de Padrón e IES Xelmírez I. Estas accións forman parte dun programa de Dinamización e Fomento do Espírito Emprendedor no Ámbito Educativo posto en marcha co apoio de Cámara de España e o Fondo Social Europeo.

As portas da incubadora abriranse o próximo luns, día 13, para recibir a un grupo de vinte alumnos do ciclo medio de cociña e formación profesional básica de cociña do CIFP Compostela, ás 9:30 horas. En total programáronse nove visitas e charlas para diversos grupos de alumnos de ciclos medios e superiores de formación profesional ata o 30 de novembro.

As visitas guiadas e xornadas divulgativaspermiten ao alumnado coñecer de primeira man o funcionamento da incubadora empresarial e os servizos de creación de empresas que se prestan aos emprendedores e empresarios da demarcación cameral. Ademais, os estudantes achegaranse ao mundo empresarial e ao autoemprego como unha opción laboral viable. Estas actuacións, destinadas a alumnos de secundaria, bacherelato e formación profesional, permiten avanzar no emprego, igualdade, crecemento, competitividade e innovación das empresas do futuro contribuíndo a enriquecer a cultura emprendedora dos máis novos. Como cume das visitas, os alumnos asistirán a unha charla sobre a experiencia profesional e vital dalgún emprendedor situado no viveiro cameral.