A Cámara de Santiago celebrará o 7 de novembro un seminario práctico para activar o pensamento creativo e solucionar rapidamente problemas empresariais

O formador Francisco Lorenzo impartirá a xornada cun método de adestramento patentado por el mesmo que se basea en oito capacidades creativas 

A entidade organizará tamén o próximo mes un curso para adquirir os coñecementos que permitan levar a contabilidade íntegra dunha pequena e mediana empresa

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará a principios de novembro, o día 7, un seminario de técnicas de creatividade e resolución creativa de problemas. A xornada, que impartirá Francisco Lorenzo –formador e adestrador de habilidades, especializado en Creatividade pola Universidade de Vigo e membro de Mensa España (Asociación de Personas de Alto Cociente Intelectual) –, celebrarase en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os asistentes aprenderán de forma práctica diversas técnicas para aplicar a creatividade á solución de problemas.

O docente empregará un método de adestramento que utiliza oito capacidades creativas, desenvolto, rexistrado e patentado por el mesmo tras anos de testeo, traballo e investigación. O seminario está destinado a que alumnos adquiran capacidades creativas e sexan capaces de crear ideas “orixinais” en moi pouco, de cambiar o enfoque de pensamento ou conectar diferentes realidades.

Francisco Lorenzo dirixe a súa propia canle en Youtube onde axuda á xente a desenvolver as súas capacidades intelectuais, creativas, emocionais, sociais ou profesionais, que conta xa cn 38.000 suscritores. Ademais, é o creador e administrador da páxina en Facebook “Cursos de formación en Galicia” de interese xeral sobre cursos, talleres e programas formativos impartidos en Galicia, con case 7.000 seguidores actualmente.

Ademais, a entidade organizará un curso de contabilidade financeira informatizada, que impartirá a consultoría fiscal, laboral e contable C&B Asociados , entre os días 6 e 17 de novembro, en horario de 19:30 a 21:30 horas nas aulas de formación da entidade. O obxecto da formación é que os alumnos e alumnas ao finalizar o curso teñan coñecementos que lles permitan levar a contabilidade íntegra dunha pequena e mediana empresa. Está destinado a persoas con coñecementos contables que desexen realizar unha aplicación práctica dos mesmos a través do manexo dun programa informático a través do que poderán ver a casuística contable dunha empresa en funcionamento.

As persoas interesadas en participar poden matricularse a través da web da Cámara www.camaracompostela.com