O Colexio de Arquitectos habilita unha listaxe para colexiados dispostos a axudar no proceso de recuperación das familias e a terra galegas tralos tráxicos incendios destes últimos días

Esta vía colaborativa xa conta con máis de 200 inscritos que ofrecen a súa experiencia para realizar revisións de edificacións e construcións afectadas e asegurar aos seus propietarios que poden entrar sen perigo 

O Colexio de Arquitectos de Galicia habilitou o pasado martes unha listaxe aberta para colexiados dispostos a axudar no proceso de recuperación das familias e a terra galegas tralos incendios que asolan Galicia desde o pasado domingo, 15 de outubro. Os arquitectos amósanse “sobrecollidos e indignados” polas consecuencias destes tráxicos sucesos e o colectivo asegura que ten que solidarizarse cos veciños e veciñas e colaborar ofrecendo apoio ás familias perxudicadas.

A Xunta de Goberno do Colexio explica que a reacción do colectivo está sendo “espectacular”, e xa se superaron as 200 inscricións. “Debe existir un proceso colaborativo onde todos os arquitectos galegos interesados en axudar ás familias despoxadas dos seus lares teñan unha canle de apoio e comunicación. Moitos queremos e temos mans para ofrecer” –destaca a Xunta de Goberno, recollendo a proposta da colexiada Elisa Otero Ouro–.

Os arquitectos poderán axudar nas revisións de edificacións e outras construcións para que os propietarios vexan se poden ou non entrar no se inmoble sen perigo, así como realizar informes, asesorías técnicas e outro tipo de inspeccións e traballos.

Os arquitectos poden inscribirse nesta listaxe a través da web colexial: www.coag.es. Así mesmo, aqueles cidadáns interesados en obter información sobre esta vía colaborativa poden dirixirse ao Colexio de Arquitectos de Galicia a través do enderezo de correo electrónico coagaxuda@coag.es. Do mesmo xeito, os Concellos que foron afectados poderán dirixirse ao Colexio desde os seus servizos sociais para canalizar e coordinar este voluntariado das arquitectas e arquitectos de Galicia.