A orquestra tocará mañá martes en Vigo e o mércores en Santiago, baixo a batuta de Maximino Zumalave
O programa inclúe “El sombrero de tres picos” de Manuel de Falla
A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta semana dous concertos. O primeiro celebrarase mañá martes no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas. E o mércores, tamén ás 20:30 horas, a orquestra tocará en Santiago, na súa sede, o Auditorio de Galicia. A batuta de ámbolos concertos levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da agrupación.
Estes concertos estarán dedicados á música española. Comezarán con Diez melodías vascas de Jesús Guridi (1886-1961). É unha das obras máis populares e recoñecidas do compositor vasco, inspirada no folclore da súa terra.
De seguido o público terá a oportunidade de escoitar a obra Granada. Un atardecer en la Alhambra, do compositor galego Andrés Gaos (1874-1959). Trátase dun poema sinfónico que evoca a tradición musical andaluza.
Os concertos concluirán con El sombrero de tres picos do gaditano Manuel de Falla (1876-1946), considerado un dos compositores españois máis representativos da primeira metade do século XX. Trala estrea deste ballet en Londres en 1919, a obra alcanzou un éxito rotundo e Falla compuxo dúas suites orquestrais que se adoitan interpretar máis que o propio ballet e que son as que a RFG achegará ao público en Santiago e Vigo.
O mestre Maximino Zumalave