A cidade de Santiago, tomada como modelo de rehabilitación e xestión do centro histórico pola cidade ecuatoriana de Quito

Un equipo de expertos desprazarase a Quito para participar nun programa de asesoramento para o deseño e implantación do plan de xestión do seu centro histórico 

A Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento financiará todos os gastos derivados desta asistencia técnica especializada

A cidade ecuatoriana de Quito está a traballar no plan de xestión do seu centro histórico e, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), elixiron a cidade de Santiago como un dos modelos de referencia que van servir para o seu deseño e implantación. Vencellado a esta iniciativa, un equipo de expertos de Santiago desprazarase a Quito entre os días 7 e 14 de outubro para participar nun programa de asesoramento e explicar ademais o modelo do Consorcio de Santiago.

O equipo que viaxará a Quito está integrado polo concelleiro responsable da Cidade Histórica de Compostela, Jorge Duarte; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o arquitecto xefe da Oficina Supervisora de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio, Xosé Allegue. A AECID financiará todos os gastos derivados desta asistencia técnica especializada.

Quito foi a primeira cidade do mundo en ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1978. Recibe cada día uns 200.000 visitantes. O seu centro histórico, que conta cunha poboación de 49.268 habitantes, tende ao despoboamento debido á falta de condicións de habitabilidade e á acelerada urbanización periférica e demais procesos de xentrificación urbana, que están a motivar o desprazamento dos residentes.

Quito está a avanzar no seu Plan Integral para a Paisaxe Urbana Histórica e as demais áreas patrimoniais do Distrito Metropolitano, de cara a contribuír á súa conservación, posta en valor e xestión sostible. E, unha vez analizadas por parte da AECID as iniciativas urbanísticas máis innovadoras e sostibles que se teñen realizado en España nos últimos anos, a cidade de Santiago foi unha das elixidas para que lles sirva como modelo.

“Ofrecéremoslles asesoramento e propostas útiles que poidan aplicar no seu caso concreto. Para Santiago isto representa un recoñecemento internacional do valor da rehabilitación e da xestión do centro histórico compostelán en particular e da súa influencia na xestión integral de toda a cidade” -manifestan dende o Consorcio-.