A Fundación Torrente Ballester acolle a parte da exposición dos 25 anos do Consorcio de Santiago que se exhibía no Colexio de Fonseca

Esta parte da mostra reúne as principais actuacións do organismo no patrimonio histórico da cidade, mentres que a da Casa do Cabido céntrase no labor cultural realizado ao longo destes anos 

A exposición poderá visitarse, nas dúas sedes, ata o mes de decembro

Baixo o título “Consorcio de Santiago, Cultura e Patrimonio. 25 anos do Consorcio na cidade”, o organismo inauguraba en xullo unha exposición que repasa a súa traxectoria. A mostra ten dúas sedes, a Casa do Cabido (na praza das Praterías) e a Fundación Torrente Ballester, que, debido á demanda de visitantes, acolle a parte da mostra que ata agora se exhibía no Colexio de Fonseca. Abrirase ao público mañá xoves, a partir das 19.00 horas, coincidindo coa presentación da “Guía ilustrada das igrexas de Santiago de Compostela” na propia Fundación.

Na Fundación Torrente Ballester pódese facer un percorrido polas actuacións que o Consorcio levou a cabo dende 1992 no relativo á conservación e posta en valor do patrimonio histórico de Santiago, a través da recuperación urbana e do espazo público, xunto á actualización de importantes infraestruturas e equipamentos da cidade.

Móstranse grandes fotografías, planos e paneis explicativos. Recóllense os programas de rehabilitación de vivendas e de locais comerciais, xunto á restauración de monumentos. Relacionado co espazo público, reúnense as actuacións realizadas nas rúas e zonas verdes da cidade histórica. O Camiño de Santiago tamén ten protagonismo, a través do Plan Director de Ordenación e Rehabilitación do Camiño Francés redactado polo Consorcio. E incídese na “Estratexia Verde”, elaborada polo organismo, centrada na redución da pegada ecolóxica a partir das zonas verdes.

Na Casa do Cabido repásase a historia e o labor cultural do Consorcio

Na Casa do Cabido faise balance das máis de 200 publicacións vencelladas á cidade editadas polo organismo ao longo destes anos. Así mesmo, dende 1993, organizáronse máis de 200 exposicións, que se resumen en fotografías, catálogos e folletos das máis representativas. Outra sala está centrada no labor de promoción e difusión da cidade que ten realizado o Consorcio, en particular a través do proxecto Compostela 93, e hai un espazo dedicado á Real Filharmonía de Galicia.

Ademais, a través de imaxes e documentos históricos, amósase a historia do organismo, incluída a creación do Real Padroado e as cinco reunións que ata o momento se celebraron do mesmo. 

Horarios da exposición

A exposición permanecerá ata mediados de decembro. Na Fundación Torrente Ballester poderá visitarse de martes a venres en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas; os sábados de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas; os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas; e os luns pecha. E na Casa do Cabido poderá percorrerse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas (de 16:00 a 20:00 horas a partir de novembro) e os domingos de 11:00 a 14:00 horas; os luns a Casa do Cabido tamén está pechada ao público.