Termas de Cuntis renova o patrocinio co SD Teucro para a vindeira tempada

O equipo, ascendido esta tempada á Liga Asobal, poderá gozar das instalacións do balneario e aproveitar os beneficios terapéuticos das augas termais para a recuperación física dos xogadores 

A presentación do padroado deportivo tivo lugar hoxe na Casa da Luz de Pontevedra

O balneario Termas de Cuntis e o clube de balonmano SD Teucro presentaron hoxe oficialmente a renovación do patrocinio para a tempada 2017/2018, ascendido este ano á Liga Asobal. Ao acto de presentación asistiron o presidente do Teucro SD, Carlos García-Alén Acosta, e a directora do balneario Termas de Cuntis, Marisol Espiño. O convenio firmárase no mes de maio nun encontro entre responsables da entidade balnearia e o clube pontevedrés nas instalacións termais de Cuntis.

Termas de Cuntis xa patrocinou na pasada tempada a un equipo infantil feminino de base que xoga na división autonómica da súa categoría. A sociedade balnearia figura como colaborador nas emisións en directo dos partidos do primeiro equipo da Televisión de Galicia, con vinilos sobre a pista, ademais de difundir entre os afeccionados programas informativos dos beneficios das augas mineiromedicinais e as características das súas instalacións de Termas de Cuntis.

O patrocino ampliarase para a vindeira campaña con diversas fórmulas de colaboración. O equipo SD Teucro poderá usar as instalacións do balneario para a recuperación física dos xogadores, aproveitando os beneficios terapéuticos das augas termais. Despois de longos períodos de adestramentos, as augas mineiromedicinais de Termas de Cuntis axudarán á recuperación dos deportistas antes de competir e como método de reparación física e psíquica, relaxación muscular, prevención e tratamento de lesións.