Francisco Alvite, organizador do Rompetiño Jump: “Cumprimos as previsión e máis de dez mil persoas gozaron da cultura urbana en Porto do Son”

Un magnífico ambiente reinou nas competicións de breakdance, BMX acrobática e no descenso en bici, proba puntuable no Open de Galicia de Descenso que gañou Abel Rial do equipo Club Ciclista Compostelano

Porto do Son acolleu esta fin de semana a celebración da segunda edición de Rompetiño Jump, unha mostra de estética e cultura urbana que abrangue manifestacións artísticas, deportivas e de lecer e que pretende consolidar o estilo de vida urbana nun contorno rural e costeiro. O evento, organizado pola marca de roupa deportiva Rompiente Clothing- RP Team, contou coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, Vella Escola Cultura Urbana de Galicia e o Club Ciclista Sonense, ademais de ter o patrocinio do Concello de Porto do Son, a empresa cervexeira Mahou e Galicia Calidade.

A organización está moi satisfeita co resultado e destacan o bo ambiente vivido ao longo de toda a fin de semana, tanto nas probas de competición como nos concertos, onde tamén acompañou o bo tempo. “Cumprimos as previsión e máis de dez mil persoas gozaron da cultura urbana en Porto do Son” –indicou Francisco Alvite, membro da organización–.

A actividade deportiva comezou o sábado coa proba de danza urbana ou breakdance, organizada baixo a dirección técnica de Vella Escola. Competiron as dezaséis mellores parellas de Galicia por eliminatorias, nesta proba puntuable para o campionato galego de breakdance. Os bailaríns vencedores foron no primeiro posto Inthecisos Crew (D.Ego y Norte), no segundo Nueva Escuela Española (Shake e Artur), e no terceiro posto Glande’s Clan (Serlli e Marcel). Outra competición que levantou gran expectación entre o público foi a proba de bicicleta acrobática BMX, que nesta edición do Rompetiño contou con cincuenta participantes.

O principal evento deportivo foi a proba de descenso en bici (DH), última puntuable na tempada do Open de Galicia de Descenso, coorganizada coa Federación Galega de Ciclismo e o Club Ciclista Sonense. Enviamos clasificación da proba en documento pdf.