O torneo “Termas de Cuntis” de fútbol-8 celébrase esta fin de semana no campo de A Ran coa participación de 32 equipos galegos

Patrocinado pola empresa balnearia de vila e organizado polo club Atlético Cuntis, reunirá a case medio milleiro de rapaces das zonas de Santiago, Noia, A Estrada, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Portonovo e Cuntis 

O balneario Termas de Cuntis patrocina a celebración esta fin de semana do “IV Torneo de Fútbol 8 Termas de Cuntis” no campo de A Ran, que este ano contará coa participación de 32 equipos galegos integrados por 480 xogadores. Nesta edición participan rapaces na categoría  biberón, que inclúe a meniños de menos de seis anos, prebenxamín (6 e 7 anos), benxamín (8 e 9) e alevín (10 e 11). Colaboran co torneo Concello de Cuntis, Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Fútbol, Protección Civil de Cuntis, a fábrica de queixos Celga, a empresa Galmac e Talleres Elmacar, que realizará unha exposición de coches na entrada do campo de fútbol.

A competición, que se prolongará durante o sábado-3 e o domingo-4 en horario de 10:00 a 20:00 horas, está organizada polo Atlético Cuntis, club que preside Fran Fontenla, máis coñecido como Choco, e o balneario Termas de Cuntis. Os equipos participantes proceden de Santiago, Rois, Ames, Noia, Valga, Pontecesures, A Estrada, Lalín, Silleda, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Ribadumia, Portonovo, Cuntis. Os organizadores esperan superar o milleiro de espectadores, cifra acadada en edicións anteriores, ademais de aspiraren a converter o evento na referencia anual da canteira galega de futbolistas.

Todos os participantes recibirán unha medalla, e os equipos gañadores o correspondente trofeo, así como unha entrada para o acquaform do balneario para todo o conxunto. Zona de xogos, con inchables, e festa da escuma ao final de cada día complementarán esta festa do fútbol infantil na vila termal. A entrada é libre e gratuíta.