A Real Academia Galega de Belas Artes celebra mañá un concerto benéfico a favor da asociación Renacer da Coruña da man da pianista Alicia González Permuy

No recital interpretará “Fantasías para piano” de Haydn, Mozart e Schumann 

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá xoves, día 1 de xuño, un concerto benéficio a favor da Asociación Benéfica Renacer da Coruña, ás 20:00 horas no salón de actos da Academia. O concerto conta co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña e Fundación Barrié.A función correrá a cargo da pianista Alicia González Permuy que ofrecerá ao público un recital de “Fantasías para piano”, interpretando as obras “Fantasía en Do maio, Hob XVII:4 Capriccio” de Joseph Haydn (1732-1809), a “Fantasía en Do menor, K475” de Wolfgang Amadeus Morzart (1756-1791), e a “Kreisleriana, opus 16” de Robert Schumann (1810-1856).

Alicia González Permuy nace en 1978 en Lalín (Pontevedra), onde comeza a estudar piano e violín á  idade de sete anos. En 1995 prosegue os sus estudos en L’Escola de Música de Barcelona con Albert Attenelle (piano) e Jordi Mora (música de cámara), ao mesmo tempo que asiste a diferentes cursos con Irina Zariskaya, Manuel Carra, Almudena Cano ou Josep Colom. En 1999 obtén unha bolsa da Deputación da Coruña e trasládase a Holanda, onde realiza os estudos de Postgraduado no Brabants Conservatorium de Tilburg con Ton Demmers (piano) e Jan Gruithuyzen (música de cámara). Gradúase en 2002 con mención especial “Summa Cum Laude” e é elixida entre os mellores alumnos do último curso para tocar no “Laureatenconcert”. Tras terminar o Postgraduado continúa os seus estudos con Jan Wijn, recoñecido pianista e pedagogo holandés.

Obtén diversos premios e diplomas e realiza un intenso labor como pianista acompañante, destacando o traballo que desempeña en masterclasses con, por exemplo, os clarinetistas Joan Enric Lluna, Michael Harris, José Luís Estellés, Antony Pay, Hans Deinzer, Antonio Saiote ou Walter Boeykens, do mesmo xeito que con Donald Blakeslee, tuba solista da Concertgebouw Orkest de Amsterdam.

Deu recitais en España, Bélxica, Holanda, Portugal ou Francia, iniciando a súa carreira de solista coa Brabants Conservatorium Orkest. Tamén tocou como solista coa Orquesta Sinfónica de Galicia e gravou para RNE en 2005.

Posúe unha ampla experiencia orquestral, con colaboracións coas Orquesta Sinfónica de Galicia, Orquesta Ciudad de Granada ou a Sinfónica de Bilbao. Esta actividade levouna a tocar en escenarios tan importantes como o Musikverein de Viena, a Kölner Philharmonie ou o Auditorio Nacional de Madrid, entre outros, e permitiulle traballar con mestres da talla de Michail Jurowski, Jesús López Cobos, Ton Koopman, Alberto Zedda, Christian Zacharias, Dima Slobodeniouk e Lorin Maazel.

Actualmente é profesora de piano no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, ao mesmo tempo que continúa a súa carreira concertística como solista e dentro do campo da música de cámara.