A pontevedresa Mercedes Nieto “Mecha” expón as súas pinturas abstractas en Termas de Cuntis

Representa con trazos vigorosos e cores vivas a chuvia e a sarabia do inverno de Galicia 

A mostra, que conta con 35 obras en acrílico e esmalte sobre madeira, inaugurarase mañá xoves no balneario, ás 20:00 horas 

O balneario Termas de Cuntis inaugurará mañá xoves, 1 de xuño, unha exposición de pintura da artista pontevedresa Mercedes Nieto, máis coñecida como “Mecha”, ás 20:00 horas. A mostra, aberta ao público ata o vindeiro 1 de xullo, poderase visitar todos os días en horario de 9:00 a 23:00 horas. Ao termo do acto servirase un viño aos asistentes.

A exposición está composta por trinta e cinco cadros de pintura abstracta, realizados en técnicas de acrílico e esmalte sobre madeira de okume ou cartoné, onde o público pode notar o relieve a través do tacto. A artista representa con trazos vigorosos a chuvia e a sarabia do inverno de Galicia, configuradas con diversidade de cores vivas, co fin de darlle alegría ao mal tempo das terras galegas. Nas súas obras de acrílicos non emprega pincel, senón a espátula, e para culminar as creacións aplícalles un verniz á auga ecolóxico. E nos esmaltes, a artista usa unha técnica de pintura de barcos de madeira para ofrecer durabilidade aos cadros.

Mecha, coñecida tamén como a pintora bridgista pola súa afección ao xogo do bridge, considérase unha pintora autodidacta e de acción, xa que a súa obra está marcada polo abstracto e os trazos fortes e profundos. “La pintura abstracta juega con la imaginación de cada persona” –sinala–.

Aínda que naceu en Pontevedra, trasladouse a Bos Aires coa súa familia por motivos de negocios, onde viviu dos dous aos dezaoito anos. Coa maioría de idade, e durante unhas vacacións en Galicia coñeceu ao que sería o seu futuro marido e xa se instalou en terras pontevedresas. Mercedes Nieto leva case trinta anos involucrada no mundo da pintura, pois xa lle espertara a vea artística na mocidade, pero sempre de maneira afeccionada.  Desde hai seis anos expón de forma habitual, colleitando éxitos e recoñecemento por toda a provincia de Pontevedra e o resto da comunidade. Actualmente, ten unhas 700 obras finalizadas no súa casa, e nos últimos anos conseguiu vender máis de 3.000 cadros.