A Real Filharmonía pon en marcha “RFG Solidaria”, un proxecto de colaboración con varias ONGs galegas e da cidade que loitan pola defensa da infancia

Os concertos familiares da orquestra dedicaranse a dar visibilidade ao labor que realizan entidades como a Asociación Gallega de Heteroplasia Ósea Progresiva, Down Compostela, Autismo Galicia e Tierra de Hombres

 

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou esta mañá “RFG Solidaria”, un novo proxecto de colaboración que vai desenvolver con varias ONGs galegas e da propia cidade vencelladas coa infancia. No acto estiveron o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o vicepresidente da Asociación Gallega de Heteroplasia Ósea Progresiva, Eduardo Agraso; o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez; o presidente da Federación Autismo Galicia, Antonio de la Iglesia; e o delegado en Galicia da Fundación Tierra de Hombres, Raúl Besada.

O ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que a Real Filharmonía de Galicia vén desenvolvendo dende hai dúas temporadas, busca achegar a música clásica e a orquestra a novos públicos. Diríxese en particular aos máis pequenos, ás familias e aos que non teñen a oportunidade de asistir habitualmente aos concertos de abono, a un prezo asequible e nun horario máis accesible. Tal como indicou o director titular da RFG, Paul Daniel, “unha parte moi importante de calquera orquestra é facer música en vivo para chegar a todo tipo de públicos, aos que facer reaccionar a través da música. O obxectivo principal deste ciclo é que o nenos descubran a música”.

“A RFG vai mostrar, dentro deste ciclo, o seu compromiso con iniciativas que están a traballar no noso contorno a prol da infancia, dedicando cada un dos seus vindeiros concertos familiares a favorecer a visibilización de causas diversas. E ao final da vindeira temporada, na primavera ou verán de 2018, a Real Filharmonía de Galicia celebrará un concerto benéfico, posiblemente na compostelá praza da Quintana, que se destinará a recadar fondos para todas as asociacións que se vaian sumando a este proxecto ao longo do ano” -sinalou a xerente do Consorcio, Belén Hernández-.

O primeiro concerto, este venres a favor da Asociación Gallega de Heteroplasia Ósea Progresiva, unha enfermidade ultrarrara e dexenerativa

O primeiro destes concertos vaise celebrar este venres, 2 de xuño, a favor da Asociación Gallega de Heteroplasia Ósea Progresiva, dedicada a dar a coñecer esta doenza ultrarrara, progresiva, dexenerativa e invalidante. Trátase dunha alteración xenética na que o óso se forma dentro da pel e do tecido muscular e tamén pode afectar ás articulacións. O vicepresidente da entidade, Eduardo Agraso, pai de dúas nenas xemelgas afectadas por esta doenza, explicou que “a Asociación tan só leva un ano de percorrido e a nosa principal loita é que se avance na investigación desta enfermidade e normalizar na medida do posible a vida diaria dos nenos que a padecen”. E referiuse á música como “unha plataforma única para transmitir mensaxes de solidariedade e esperanza a prol das enfermidades raras e ultrarraras, ao tempo que a música axuda a que os nenos afectados se desinhiban por un instante da súa rutina diaria”.

Tal como lembrou o director Paul Daniel, “ademais da Novena Sinfonía de Beethoven, o concerto deste venres é para que todos os nenos e as familias veñan a cantar o Himno de la alegría, de xeito que todos sexamos un e que cadra moi ben co proxecto que hoxe presentamos a favor da infancia”.

Down Compostela, Autismo Galicia e Tierra de Hombres

E, xa na vindeira temporada, os concertos que se programen dentro deste ciclo dedicaranse a difundir o labor doutras ONGs como a Fundación Down Compostela. O seu presidente, Juan Martínez, salientou que “a música é moi importante para as persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais” e dixo que “ogallá algún día teñan a oportunidade de participar como membros nunha orquestra”. A Fundación presta servizo na actualidade a 110 familias, dende que nacen os nenos ata a idade adulta. Na etapa da infancia axudan á familia a habituarse á súa situación, estimúlase aos nenos a través de programas de atención temperá e trabállase na súa integración familiar, social, escolar e laboral.

Pola súa parte, a Federación Autismo Galicia aglutina a doce entidades de toda a comunidade que prestan servizos integrais e específicos a persoas con Trastornos do Espectro do Autismo e ás súas familias. O seu presidente, Antonio de la Iglesia, indicou que traballan para mellorar a calidade de vida e defender os seus dereitos, con especial incidencia no tempo de lecer, a formación, o emprego con apoio e a sensibilización social. “Teñen unha forma distinta de ver o mundo, un estrutura mental diferente, de xeito que buscamos canles de comunicación e a música é unha canle perfecta para conectar eses dous mundos porque se trata dunha linguaxe universal” -manifestou-.

Outra das ONGs que vai participar neste proxecto é a Fundación Tierra de Hombres, que axuda a mellorar as condicións de vida da infancia máis vulnerable nos ámbitos da saúde, o social e os dereitos do neno. O seu delegado en Galicia, Raúl Besada, explicou que se centran na infancia procedente dos países máis desfavorecidos, en particular en nenos con enfermidades graves que se veñen a operar a Galicia, para o que contan cunha cadea solidaria de familias de acollida. O seu propósito é axudalos para que no futuro poidan levar unha vida normal.