A Casa de la Troya organizará, a partir de mañá, visitas culturais teatralizadas polo centro histórico de Santiago e o museo todos os venres de maio e xuño

Combinarase a información cultural e histórica co humor, a través dun guía caracterizado como un dos personaxes da novela de Pérez Lugín, que vencellará os lugares que se visiten coa trama do libro

O Museo Casa de la Troya inicia mañá venres a súa temporada de verán. O museo, que está pechado nos meses de inverno, reabrirá de novo as súas portas, e poderá visitarse todos os venres e sábados, dente esta semana ata mediados de xullo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (os venres prolóngase ata as 22:00 horas), acompañados das explicacións das guías do museo. E dende mediados de xullo ata principios de setembro abrirá no seu horario habitual de verán, durante toda a semana e pechando os domingos e os luns.

Mañá venres, 19 de maio, o Museo Casa de la Troya inicia unha nova actividade, que se vai repetir todos os venres restantes de maio e tamén en xuño. “Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do centro histórico de Compostela, seguidos dunha visita ao museo, co fin de contextualizalo no marco da cidade e do seu tempo” -explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo-.

Estes roteiros dramatizados pola cidade histórica desenvolveranse en seis venres, ao longo dos meses de maio (os días 19 e 26) e xuño (os días 2, 9, 16 e 23). Cada roteiro partirá dende a praza do Toural. A duración aproximada do percorrido e da visita ao museo será de unha hora e media, dende as 20:30 ata as 22:00 horas (agás o 9 de xuño, que comezará ás 18:00 horas). O número máximo de participantes por cada visita será de 15 e ten un custo de 1 euro por persoa. A inscrición pódese facer chamando ao museo (981 585 159).

Nesta actividade búscase combinar a información cultural e histórica co humor. O guía caracterizarase como un personaxe da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, que ademais vencellará os lugares que se visiten coa trama do libro. Trátase de Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que leva máis dunha década realizando visitas guiadas dramatizadas. Fará a ruta caracterizado como o personaxe de Barcala, que “representa ao estudante troiano” -tal como indican dende o museo-.

“O guía, caracterizado como un dos estudantes da vella pensión do século XIX, fará máis ameno o relato dos feitos históricos e facilitará que os participantes se acheguen ao tempo no que transcorre a novela. Buscamos que a experiencia resulte interesante e entretida para o público de todas as idades” -sinala Amor-.