O presidente da Cámara de Comercio de Santiago recibe ao director Territorial de Comercio e ICEX Galicia, Sergio Prieto

Intercambiaron impresións sobre o estado actual da internacionalización das empresas españolas

O presidente da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey Carril, mantivo hoxe un encontro institucional co director Territorial de Comercio e ICEX Galicia, Sergio Prieto López, na sede da entidade compostelá. Intercambiaron impresións sobre o estado actual da internacionalización e analizaron os datos de exportación e importación das empresas españolas.Jesús Asorey trasladoulle o traballo que realiza a Cámara de Comercio de Santiago en internacionalización, un eixe estratéxico e prioritario da súa actividade. Nos últimos 25 anos, intensificáronse as accións en comercio exterior coa continuidade de programas de promoción, información, asesoramento e iniciación á exportación, coa participación de miles de empresas cun alto porcentaxe de éxito coa súa presencia permanente ou a apertura de relacións comerciais en diversos mercados exteriores.

ICEX España Exportación e Investimentos é unha entidade pública empresarial de ámbito nacional que ten como misión promover a internacionalización das empresas españolas para contribuír á súa competitividade e achegar valor á economía no seu conxunto, así como atraer investimentos exteriores a España. Presta os seus servizos a través dunha rede de 31 direccións provinciais e territoriais de comercio en España e case 100 oficinas económicas e comerciais no exterior. Dispón, ademais, de 28 centros de negocio no estranxeiro, que ofrecen ás empresas españolas infraestrutura temporal a modo de incubadoras da internacionalización.