A Asociación de Balnearios de Galicia elixe a Marisol Espiño, de Termas de Cuntis, como nova presidenta

A entidade pon a disposición dos Concellos as indicacións que deben seguirse para non contaminar as augas subterráneas cando se realizan aproveitamentos xeotérmicos, pozos ou sondaxes

A Asociación de Balnearios de Galicia celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Termas de CuntIs e no transcurso da mesma elixiuse á nova Xunta Directiva. A nova presidenta é Marisol Espiño, xerente de Termas de Cuntis, que substitúe no cargo a Antonio Garaloces, director do Balneario de Lugo-Termas Romanas.

O resto da Xunta Directiva compóñena o vicepresidente, Antonio Garaloces, do Balneario de Lugo; o secretario, Jesús Garriga, de Caldas de Partovia; o tesoureiro, Bruno Figueroa, do Balneario de Carballo; como vogal Laura Gómez, do Balneario de Mondariz; e o xerente da Asociación, Benigno Amor.

No transcurso da Asemblea aprobáronse as contas e presupostos, así como a memoria correspondente ao exercicio 2016. Deuse conta do plan de actuacións para este ano, destinado a poñer en valor o sector termal galego. Abordouse a divulgación social das iniciativas desenvoltas polo sector, en particular as relativas á actividade da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, entre as que destaca a elaboración dun “Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia”, que se presentará a vindeira semana.

A protección das augas minerais subterráneas 

Durante a xuntanza presentouse un informe realizado pola Comisión Xurídica da Asociación, relativo á normativa que deben ter en conta os técnicos en urbanismo dos Concellos nos que existen perímetros de protección de augas minerais á hora de tramitar solicitudes para aproveitamentos xeotérmicos, pozos e sondaxes.

Neste informe saliéntase que “a mellor maneira de conseguir a protección absoluta contra a contaminación dunha captación de augas minerais sería impedir todo tipo de actividade potencialmente contaminante sobre a área de recarga da mesma. Pero, ao tratarse dunha medida imposible de levar a cabo polas implicacións técnicas e sobre todo económicas que suporía, resulta máis axeitado definir os perímetros de protección”. Nesta liña, considérase a necesidade de establecer un sistema de zonas rodeando a captación, no interior das cales se restrinxen ou prohiben de maneira graduada, en función da proximidade á mesma, as actividades susceptibles de modificar a calidade da auga subterránea”.

“O perímetro de protección fixado outorga ao titular do aproveitamento do acuífero a garantía de que a Administración adoptará as medidas precisas para que dentro do mesmo non se realicen actividades que poidan prexudicar o normal aproveitamento das augas minerais” -indican dende Balnearios de Galicia-. 

A Asociación está integrada por 20 balnearios das catro provincias 

A Asociación de Balnearios de Galicia naceu no ano 1985 co obxecto de representar e promocionar o sector termal galego. Un grupo de empresarios reuniuse na illa da Toxa e daquel encontro xurdiu a Asociación, a segunda que se creaba en España.

Na actualidade está integrada por un total de 20 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz, Augas Santas (Pantón) e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.

Ao remate do acto, o ata agora presidente da Asociación, Antonio Garaloces, agradeceu a confianza e apoio recibido durante os seus catro anos de mandato. E lembrou a Eduardo Laherrán, socio fundador e director durante un longo período do Balneario de Baños de Molgas, recentemente falecido.