O arquitecto catalán Martínez Lapeña explicará a concepción arquitectónica do estudio profesional que comparte con Elías Torres na Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos

Tras unha traxectoria de corenta anos, foron recoñecidos co título “RIBA International Fellowship” que concede o Royal Institute of British Architects a arquitectos non británicos 

A conferencia “Milagros y fracasos”, incluída no ciclo “Reflexións”, celebrarase o venres 28, ás 19:30 horas

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza o vindeiro venres, día 28, unha nova conferencia do ciclo de arquitectura “Reflexións”, onde destacados arquitectos de ámbito nacional e internacional se achegan ata a sede viguesa para contar aspectos destacables da súa obra e a súa visión da arquitectura. Nesta ocasión, ofrecerá un relatorio o arquitecto José Antonio Martínez Lapeña do estudio José Antonio Martinez Lapeña & Elías Torres Architects. Co patrocinio de Civisglobal, a conferencia celebrarase ás 19:30 horas na delegación do Colexio (rúa Doutor Cadaval, 5), aberta a todo o público da cidade.

Baixo o título “Milagros y fracasos”, a conferencia centrarase en explicar os proxectos realizados polo estudio desde a súa fundación en 1968. Antonio Martínez Lapeña (Tarragona, 1941) licenciouse na Escola Tècnica Superior de Arquitectura de Barcelona (ETSAB) da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) en 1968, e desde ese mesmo ano formou unha asociación profesional con Elías Torres, formando o estudio José Antonio Martínez Lapeña & Elías Torres Architects. Lapeña é profesor na Escola de Arquitectura do Vallés e desde 1998 na Universidade Ramón Llull.

O estudio leva máis de corenta anos traballando a gran nivel e os profesionais recibiron en febreiro de 2016 o “RIBA International Fellowship”, un dos títulos máis prestixiosos para arquitectos non británicos que concede o Royal Institute of British Architects a aqueles arquitectos que tiveron un impacto significativo ao longo das súas carreiras no mundo da arquitectura.

A lista específica dos proxectos que este equipo de arquitectos emprendeu, tanto públicos como privados, é enorme, e moitos foron galardonados con diversos premios. Entre as obras, destacan o xardín de Villa Cecilia en Barcelona, o hospital de Móra d’Ebre en Tarragona, o complexo habitacional Villa Olímpica de Barcelona, a escaleira mecánica La Granja en Toledo, a restauración do paseo de Ronda nas murallas da cidade de Palma de Mallorca, e a restauración sensible do Parque Güell de Gaudí en Barcelona.

Outros proxectos destacados foron o anexo Museo de Kumamoto en Xapón, polo que recibiron o Premio Belca en Tokio en 1995 ou a explanada de Barcelona Fòrum coa pranta de enerxía fotovoltaica (2004) que gañou o premio especial da Bienal Internacional de Arquitectura de Venecia.