Investigadores galegos identifican novos microorganismos con propiedades terapéuticas en augas minerais de varios balnearios e centros termais de Galicia

Os resultados, que acaban de publicarse nunha revista científica, poñen de manifesto o enorme potencial das augas da comunidade

Un equipo de investigadores da Universidade da Coruña, liderado pola catedrática de Hidroloxía Médica Rosa Meijide Faílde, identificou por primeira vez un tipo de microorganismos (diatomeas) en mananciais de varios balnearios e centros termais da comunidade.

A profesora Meijide explica que “o patrimonio hidromineiral de Galicia é moi importante e, en moitos casos, é usado con fins terapéuticos nos balnearios da nosa comunidade. Non obstante, en Galicia existen poucos estudos sobre os seus mananciais, centrándose estes na caracterización fisicoquímica das súas augas. As comunidades biolóxicas que albergan as augas minerais galegas están moi pouco estudadas e caracterizadas. En particular, a vida microscópica constitúe un elemento esencial para as súas posibles aplicacións e para ampliar o coñecemento da bioloxía destes ambientes”.

A experta indica que as augas dos mananciais presentan uns microorganismos característicos. Así, sinala que non todas as augas son iguais; o ambiente onde se atopan ou a composición da terra por onde se filtre condicionan as súas propiedades e os microrganismos que nelas se atopan. “Un compoñente fundamental dos microorganismos das augas ou das superficies por onde estas discorren son as algas microscópicas, que ás veces se manifestan como un verdín sobre as pedras ou outras superficies. Dentro destas hai un grupo que constitúe un dos tipos máis comúns de fitoplancto, son as diatomeas. As comunidades de diatomeas son unha ferramenta usada na actualidade para a vixilancia das condicións ambientais, da calidade das augas, no estudo do cambio climático ou para a produción de biodiésel” -explica-.

Os investigadores da Universidade da Coruña analizaron as augas dos mananciais dos balnearios lucenses de Augas Santas (Pantón) e Guitiriz; do pontevedrés Termas de Cuntis; e de As Burgas e Termas de Outariz (Ourense). Identificaron por primeira vez diatomeas autóctonas nestas augas e os resultados dos seus estudos publicáronse nunha prestixiosa revista científica especializada neste tipo de microorganismos. É a primeira vez que se publica un estudo destas características, centrado nas augas minerais de Galicia, nunha revista con factor de impacto.

As conclusións que se derivan deste traballo permiten afirmar a gran diversidade de diatomeas que albergan as augas dos mananciais galegos. “Algúns destes mananciais son considerados termais pola elevada temperatura das súas augas e noutros casos son de augas sulfuradas, onde se atoparon especies de diatomeas características. Estes resultados poñen de manifesto o enorme potencial de estudo das comunidades biolóxicas que albergan as augas dos mananciais galegos, ademais das súas posibles aplicacións terapéuticas en forma de lodos, os denominados peloides” -salienta a investigadora-.