A Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos denuncia o abuso de fórmulas de contratación pública, con concursos restrinxidos ou de adxudicación directa, que impiden a igualdade de oportunidades no colectivo

 Manuel Abelleira, presidente: 

“Reclamamos maior sensibilidade e responsabilidade para facer un bo uso da lei de contratos e redistribuír de forma máis xusta o acceso a traballos de carácter público” 

Enviará ás administracións unha folla de ruta de boas prácticas e valora a creación dunha distinción anual que premie ás organizacións modélicas

O presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia, Manuel Abelleira, e membros da xunta directiva puxeron de manifesto hoxe, nun acto de rolda de prensa celebrado na súa sede, os graves problemas aos que o colectivo profesional se está a enfrontar desde hai varios anos. Presentaron unha serie de reclamacións ante procedementos habituais das Administracións Públicas: contratacións públicas, adxudicacións de obra pública, falta de convocatoria de concursos públicos abertos e de transparencia na contratación, honorarios ou cláusulas dos contratos.O presidente destacou que o difícil acceso a licitacións de traballos de obra pública, xa case inexistente na última década, fai que prácticas habituais nos concellos, deputacións ou administracións autonómica e estatal nestes últimos ano resulten inaceptables para un colectivo duramente castigado. “A carga de traballo reduciuse un 10% respecto ao 2007, ano no que estalou a crise. Non se entende que agora, dez anos despois, as administracións acudan a fórmulas de contratos con concursos restrinxidos ou de adxudicación directa. É preciso reactivar e incentivar a convocatoria de concursos de proxectos, cos que se asegure a liberdade de oportunidades e a calidade das propostas” –apuntou–.

Abelleira explicou que os colexiados e colexiadas de Pontevedra levan tempo reclamando e denunciando casos de contratacións, que agochados tras fórmulas de contratos de carácter menor e amparados pola lei de contratos, recaen nos mesmos profesionais e para as mesmas administracións nun mesmo ano, convertíndose así nunha especie de “traballadores habituais” dos concellos. “O colectivo reclama maior sensibilidade e responsabilidade por parte de todas as administracións, para facer un bo uso da lei de contratos, e redistribuír de forma máis xusta, e en base a méritos demostrables e realistas, o acceso a traballos de carácter público” –sinalou–.

Ademais, Manuel Abelleira asegurou que non é unha cuestión de ideoloxías, xa que o colectivo ten constatado que as malas praxis danse en administracións de todas as cores políticas. “Estas cuestións de contratación e de falta de transparencia van en contra da igualdade de oportunidades dos profesionais por estar suxeitas a decisións arbitrarias e pouco obxectivas por parte dos gobernantes, onde por exemplo figuran condicións indispensables como a experiencia demostrable en proxectos de iguais características ou unha facturación mínima nos derradeiros cinco anos, o que sen dúbida deixa fóra a todos os mozos e mozas arquitectos e aqueles que aínda con experiencia traballaron por conta allea nos últimos anos e foron despedidos por mor da crise” –indicou–. 

Fuga de talentos

A raíz desta situación, Abelleira contou que moitos compañeiros de profesión, a mellor e máis preparada xeración da historia da arquitectura galega, decidiron marchar a traballar a Alemaña, Perú, Chile, Reino Unido, China ou EEUU, o que supuxo “unha verdadeira fuga de talentos dos que probablemente nunca desfrutaremos”.

Finalmente, o presidente explicou que desde a Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos enviarase unha comunicación a todas as administracións dependentes da área xeográfica da delegación cunha “Folla de ruta de boas prácticas na contratación”, solicitando audiencia cos diferentes representantes públicos para tratar de poñer freo a unhas actuacións que considera “unha agresión constante á igualdade de oportunidades” dos nosos colexiados e colexiadas. “A nosa intención última é dar unha chamada de atención a todos os implicados, valorando incluso instaurar unha distinción anual que outorgaría a nosa delegación a todas aquelas administracións que demostren ser modélicas nesta posta en marcha das boas prácticas na contratación” –comentou–.