Expertos en patrimonio e turismo reunidos en Santiago salientan que cómpre priorizar a función residencial das cidades históricas fronte á turística para que sigan a ser “cidades vivas”

Sinalan que urxe un cambio na lexislación para favorecer a xeración de postos de traballo nos centros históricos e limitar o alugueiro de pisos con fins turísticos a favor de estudantes e residentes

Estes días estase a celebrar en Santiago o VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial, no marco dos actos conmemorativos do 25º aniversario do Consorcio de Santiago. Está organizado pola Secretaría de Estado de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico, en colaboración co Consorcio de Santiago, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Reúne a xestores de diferentes cidades Patrimonio da Humanidade de España e Portugal.

No transcurso deste evento estase a abordar o impacto que está ter o turismo sobre os elementos do Patrimonio Mundial. Nesta liña, o xeógrafo e economista experto en turismo Juan Requejo Liberal salientou que “o gran perigo dunha cidade Patrimonio da Humanidade é converterse nun conxunto de elementos fósiles, mortos, e perder o seu principal valor, que é o da lonxevidade, a súa capacidade de manterse como cidade viva ao longo dos séculos, unha condición que na actualidade está en perigo en moitas cidades do mundo”.

O experto sinalou que as cidades Patrimonio da Humanidade teñen uns compoñentes de singularidade e atractivo que lles confiren un gran valor turístico. “Dáselle valor ao patrimonio porque proporciona recursos pero existe o risco de que a xestión do turismo se poida converter nunha situación letal”.

O economista referiuse ás liñas aéreas low cost e aos portais de alugueiro turístico como “iniciativas fantásticas para os consumidores pero dende a perspectiva dos xestores de patrimonio xeran unha marabunta que destroza a vitalidade que ten unha cidade. Este tipo de elementos de depredación é o fenómeno que pode facer que as cidades Patrimonio da Humanidade pasen de ser cidades vivas a restos fosilizados”.

Ante esta situación, o experto asegurou que “cómpre identificar que modalidade de turismo interesa e ir cara a ela de maneira intelixente. Hai que tomar decisións de xestión territorial e urbanística loitando contra este tipo de tendencias no eido turístico”.

No caso dos cascos históricos, Juan Requejo afirmou que “cómpre priorizar a súa función residencial fronte á turística. Para iso precísanse cambios na Lei de Arrendamentos Urbanos, cambios nos usos dos edificios das cidades históricas para garantir que se manteña a actividade local cotiá, favorecer a xeración de recursos para os seus habitantes”. Nesta liña, manifestou que na actualidade non se xeran postos de traballos nos centros históricos, posto que se deixa que o valor que teñen repercuta só nos propietarios dos edificios.

“Urxe cambiar leis e ordenanzas municipais e abordar unha xestión política intelixente de captación turística. Ten que haber unha vontade política pero tamén social, un cambio de mentalidade dos propietarios que alugan os pisos con fins turísticos nos centros históricos. E isto ten que completarse cunha xestión que impida realizar este aproveitamento, estimulando, por exemplo, o alugueiro a estudantes ou persoas que ocupen as vivendas durante todo o ano” -destacou Requejo-. 

O Concello de Santiago aposta por un novo modelo turístico que desestacionalice e desconcentre a chegada de visitantes

Na xornada de hoxe presentaron o caso da cidade de Santiago o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e a concelleira de Turismo, Marta Lois. Expuxeron os principais problemas que afectan, dende hai moitos anos, ao turismo en Santiago, “problemas moi relacionadas co patrimonio”, en particular a baixa estadía media na cidade, a estacionalidade da demanda e a concentración e conxestión turística.

“Queremos definir un novo modelo de gobernanza do turismo integrado na estratexia do modelo de cidade” -afirmaron-. Salientaron a necesidade de reducir a presión sobre os monumentos, as prazas e rúas da cidade histórica para evitar que se convirta nun “parque temático”. Nesta liña, fixeron fincapé na “decisión que tomamos como goberno de establecer unha moratoria no casco histórico que ten como obxectivo fixar poboación na zona vella de Compostela”, un reto ao que cualificaron de “complexo” e que pasa por “potenciar o alugueiro de longa duración no casco histórico, que a día de hoxe se centra fundamentalmente en usos turísticos”.

O novo modelo turístico ao que se referiron aposta pola descentralización e desconxestión das zonas máis saturadas. Para iso indicaron que é preciso poñer en valor o conxunto patrimonial de Santiago, a oferta cultural e a Compostela Verde. “Unha cidade non é excepcional só polo construído, senón tamén pola súa xente e a súa paisaxe” -afirmaron-. Así, o Concello quere poñer en valor aqueles elementos patrimoniais que son descoñecidos mesmo para a veciñanza.

Finalmente, a concelleira de Turismo fixo fincapé na necesidade de avaliar o impacto que os apartamentos turísticos están a ter en Santiago, baseándose no novo decreto autonómico que permite que afloren e saian da situación de alegalidade na que se atopaban. 

Visita á Catedral

Mañá venres os participantes nestes encontros realizarán unha visita guiada á catedral e ás obras de rehabilitación e restauración do Pórtico da Gloria.