Maximino Zumalave dirixe este sábado un concerto dos alumnos de especialización instrumental da Escola de Altos Estudos Musicais xunto a rapaces dos conservatorios galegos

A cita será no auditorio do centro, ás 20:00 horas, e as entradas son gratuítas ata completar o aforo

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, ten en marcha unha nova edición de “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do centro. A vindeira cita terá lugar este sábado, 25 de marzo, ás 20:00 horas no auditorio da escola. As entradas de todas estas actuacións son gratuítas ata completar o aforo.

No concerto deste sábado participarán alumnos do Curso de Especialización Instrumental da escola, xunto con alumnos invitados dos conservatorios de Galicia, en particular dos da Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra. Son un total de 58 rapaces que tocan o violín, a viola, o violoncello, o contrabaixo, a frauta, o óboe, o clarinete, o fagot, a trompa, a trompeta, o trombón, a tuba, a percusión, a arpa e o piano.

A batuta levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais e da Real Filharmonía de Galicia. Os xoves músicos comezarán coa interpretación da Sinfonía nº 2 de Beethoven (1770-1827). A continuación o público asistente terá a oportunidade de escoitar Diez melodías vascas de Jesús  Guridi (1886-1961). E a actuación concluirá coa Suite de danzas de Estancia, do compositor arxentino Alberto Ginastera (1916-1983). A cita musical terá unha duración aproximada dunha hora.

Actuacións ata o mes de xuño

Con esta iniciativa de “A Escola na Cidade”, a EAEM implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas.

Entre os meses de marzo e xuño, como colofón dos seus estudos, cada un dos alumnos do curso de posgrao da escola deberá realizar un concerto público que implique unha participación solista destacada. Así mesmo, os estudantes máis destacados do centro terán a oportunidade de interpretar como solistas un programa acompañados pola Real Filharmonía de Galicia no mes de xuño.