O 8 de maio remata o prazo para solicitar as axudas para a mellora dos locais comerciais da cidade histórica, para o que se investirán 150.000 euros

Terán preferencia as obras destinadas a mellorar a accesibilidade e tamén se primará a apertura de novos locais actualmente sen uso

No marco do “Programa Localízate”, o Consorcio de Santiago vai destinar este ano 150.000 euros en axudas para mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais comerciais situados no ámbito do Plan Especial de Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 8 de maio.

Estas subvencións enfócanse de maneira prioritaria á realización de obras que melloren a accesibilidade. Ademais, búscase favorecer a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), mellora da imaxe externa, obras de mellora do interior, acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.

Requisitos para acceder ás axudas

Poderán ser beneficiarios destas axudas os usuarios legais dos locais, tanto persoas físicas como xurídicas, e actúen como propietarios, arrendatarios ou que ostenten algún dereito de uso sobre eles. En canto aos locais, deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e estanquidade fronte á choiva; o edificio no que se localice o establecemento deberá ter unha antigüidade superior aos 20 anos. Deberán estar nunha planta baixa, semisoto ou primeiro soto ou en plantas altas se están vencelladas co local da planta baixa. Ademais, terán que contar con fachada á vía pública.

En canto á avaliación das solicitudes, darase preferencia á mellora da accesibilidade do local. Tamén se primará a redución do consumo enerxético e a mellora da súa imaxe exterior, así como a apertura de novos locais actualmente sen uso. Respecto á actividade da empresa, valorarase a súa repercusión no desenvolvemento do tecido económico local. O orzamento mínimo subvencionable será de 3.000 euros e o máximo de 30.000 €. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.

As solicitudes e a documentación poderán presentarse no rexistro do Consorcio, situado no número 59 da Rúa do Vilar, ou en calquera outro rexistro.