As mascotas de Termas de Cuntis, Termiña e Garza, visitarán mañá aos nenos e nenas do centro de educación especial “Os Mecos” da asociación BATA, no Centro de Día Abuela Esperanza en Vilagarcía

Cada rapaz recibirá un exemplar do conto infantil que narra as aventuras da rapaza e do paxaro no balneario

–Xoves-2, ás 11:00 horas no Centro de Día Abuela Esperanza da asociación BATA en Vilagarcía de Arousa (rúa Moreira, 16, A Laxe)–

As mascotas de Termas de Cuntis, Termiña e Garza, visitarán mañá xoves, día 2 de marzo, a un grupo de doce nenos e nenas de ata quince anos do Centro de Educación Especial “Os Mecos”, que se desprazarán ao Centro de Día Abuela Esperanza da asociación BATA en Vilagarcía de Arousa (rúa Moreira, 16, A Laxe), ás 11:00 horas.

O balneario regalará aos pequenos o conto infantil Termiña e Garza, obra do ilustrador e escritor Francisco García Cortés, e lambetadas a cada un dos rapaces. A publicación conta en debuxos e texto breve a historia de dous personaxes de Cuntis, a nena Termiña e a Garza que habita no río Gallo que pasa por detrás do centro termal. O argumento é un xogo no que Garza convida a Termiña a buscar un tesouro no balneario.

A asociación BATA é unha organización sen ánimo de lucro que desenvolve servizos e programas orientados ás persoas con T.E.A. (trastornos do espectro do autismo) e as súas familias, desde o compromiso pola mellora continua e a calidade total. A súa misión é ofrecer servizos e apoios para mellorar a calidade de vida das persoas con T.E.A. e as súas familias, desde unha visión “centrada na persoa” e a través de accións que promovan a súa inclusión sociolaboral, como o desenvolvemento de programas individualizados baseados en capacidades, a participación das familias e o traballo en equipo.

A asociación, que presta apoio a máis de 200 persoas, conta cunha rede de vivendas independentes en Vilagarcía de Arousa, onde se atopa o Centro de Día Abuela Esperanza que forma parte da rede integral de servizos para persoas de BATA, con programas específicos como a UAM (Unidade Ambulatoria, con tres sedes en varias provincias galegas), Emprego con Apoio, UEDO (Unidade de Avaliación e Diagnóstico), Apoio á Comunidade, Apoio Familiar, entre outros.

Outro do espazos especializados da asociación é o Centro de Educación Especial “Os Mecos”, situado na parroquia de Baión en Vilanova de Arousa, que escolariza actualmente a dezanove nenos e nenas con T.E.A. O seu obxecto é deseñar estratexias de intervención no ámbito educativo como etapa importante na que se debe promover a calidade de vida.