A Cámara de Comercio iniciará a finais de mes dous cursos de contabilidade e xestión laboral a través do Instituto Empresarial de Contabilidad y Economía

É unha formación práctica que usa a metodoloxía da ensinanza programada 

Celebrarase unha xornada de presentación o próximo luns 20, ás 20:15 horas na sede cameral

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela acolle a quinta edición dos cursos prácticos de “Contabilidade e análise de balances” e “Xestión e práctica laboral”, que organiza o Instituto Empresarial de Contabilidad y Economía (IECE) en colaboración coa entidade cameral, o Colexio de Avogados de Santiago e Abanca.

Estes cursos impartiranse nas aulas formativas da Cámara de Comercio do 27 de febreiro ao 22 de marzo. Os participantes poderán aprender en pouco tempo a levar correctamente a contabilidade dunha pequena e mediana empresa e tamén a controlar a administración dun departamento de persoal para aumentar a rendibilidade do negocio. Están dirixidos a un amplo colectivo que necesita coñecer a contabilidade, ben para o seu quefacer diario ou por responsabilidade para recibir información financeira da empresa e tomar decisións contables, administrativas, directivas, xudíricas ou de formación relevantes.

Para presentar en detalle os cursos, a Cámara de Comercio organizará o luns, 20 de febreiro, unha xornada de presentación que estará dirixida polo director de Zona de IECE, José Ramón Secades, ás 20:15 horas no salón de actos cameral. Son cursos programados e eminentemente prácticos, baseados no novo método de Ensinanza Programada, que ofrece ao alumno a posibilidade de estudar por si mesmo o tema presentado e aprender ao seu propio ritmo. “Úsanse técnicas pedagóxicas avanzadas e experimentadas, onde se establece unha relación directa e individualizada entre alumno e profesor grazas ao uso da tecnoloxía informática” –apunta Secades–.

O curso de contabilidade e análise de balances pretende formar ao alumno na contabilidade financeira, cunha introdución ao balance e con información sobre termos como o activo imobilizado material, amortizacións, Plan Xeral de Contabilidade, activo inmobilizado, activo circulante, patrimonio neto e pasivo, perdas e ganancias e gastos e ingresos. Ademais, os alumnos recibirán prácticas básicas sobre contabilidade informatizada. José Ramón Secades di que ao finalizar o curso o alumno poderá desenvolver calquera tipo de contabilidade e manexarse co plan contable, a técnica contable e traballar con programas de xestión, realizando un ciclo contable completo co fin de obter as contas anuais.

E o curso de Xestión e Práctica Laboral axudará aos traballadores dunha empresa a coñecer todos os conceptos necesarios para formalizar o encabezamento do recibo de salarios. Analizaranse a estrutura do Sistema de Seguridade Social, a filiación, os tipos de cotizacións, as tipoloxías de prestacións por incapacidade temporal por enfermidade, accidente laboral ou baixa por maternidade. Utilizarán tamén o programa Nomina Plus e estudarán conceptos de lexislación laboral.

José Ramón Secades explica que ao finalizar a formación de xestión laboral o alumno poderá facer trámites para dar de alta unha empresa, afiliar a un traballador e dalo de alta, facer unha nómina ou a liquidación de seguros sociais. “Cos programas de xestión axeitados poderá realizar una simulación de como levar un departamento de persoal, facer cálculo de finiquitos, indemnizacións, afrontar situacións de redución de xornada por circunstancias persoais, o tempo parcial, características e redacción de contratos para a formación, de prácticas, a contratación temporal, o pluriemprego, ou a folga” –indica o experto–.

Estes cursos son bonificables pola Fundación Tripartita. Ademais, as empresas asociadas á Cámara de Comercio de Santiago recibirán descontos ventaxosos para cursar a formación. Os interesados en participar poden solicitar información e inscribirse nas dependencias da entidade cameral (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo).