Os Premios COAG de Arquitectura pechan a súa convocatoria con 158 propostas

Xosé Xavier Suances Pereiro foi distinguido co premio especial a toda unha traxectoria profesional

  • Compiten obras nas categorías de vivenda, rehabilitación, equipamentos, espazos abertos, reforma interior, divulgación e investigación, arquitectura novel, efímera, de baixo custo e fin de carreira 
  • O fallo do xurado darase a coñecer nun acto de entrega de premios, que se celebrará o 17 de marzo no Teatro Principal de Ourense

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra a súa XVII edición dos Premios COAG de Arquitectura coa participación de 158 propostas visadas, executadas e finalizadas no ámbito territorial da entidade colexial entre o 31 de xullo do 2014 e o 31 de xullo do 2016. O acto público de entrega de premios celebrarase o 17 de marzo no Teatro Principal de Ourense (rúa Paz n° 9). O evento conta coa colaboración de Blancoquintas, Aislux Galicia, Obras y servicios Gómez Crespo, Lledó, Otis e Cortizo.

As propostas participantes están incluídas dentro destas dez categorías:  vivenda (obras para uso residencial; 19), rehabilitación (intervención no patrimonio construído; 21), equipamentos (obras dotacionais de servizo aos cidadáns; 14), deseño urbano/ espazos abertos (remodelacións de espazos públicos existentes; 22), interiorismo e reforma interior (reformas sen afección estrutural do espazo; 54), arquitecturas efémeras (construción de obras pasaxeiras; 6), baixo custo (obras realizadas con recursos limitados; 9), arquitectura novel (obras de arquitectos nos primeiros cinco anos trala súa titulación; 4), divulgación e investigación (actividades para achegar a arquitectura á sociedade e afondar no coñecemento da disciplina; 7), proxecto fin de carreira (proxectos finais de carreira aprobados nos últimos cinco anos; 2).

Ademais, o Colexio de Arquitectos de Galicia outorgará este ano o premio especial a toda a traxectoria profesional ao arquitecto Xosé Xavier Suances Pereiro (Ourense, 1932), en recoñecemento ao seu exercicio profesional e con motivo da súa dilatada experiencia como colexiado, xa que mesmo foi decano do Colexio de Arquitectos de Galicia entre 1981 e 1983.

O xurado está composto polo decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño, que actuará como presidente. Na función de vogais, a Xunta de Goberno do Colexio designou a dúas arquitectas de recoñecido prestixio, Inês da Silva Pimentel e Guadalupe Piñera Manso. Ademais, formarán parte do xurado o director da ETSA de A Coruña, Fernando Agrasar Quiroga, e o responsable da Comisión de Concursos, Formación, Cultura e Comunicación do COAG, Cristóbal Crespo González. E o secretario do xurado será o secretario do COAG, José Luis Sanmiguel Guerreiro. O xurado avaliará detidamente as propostas recibidas e fará unha selección previa de catro obras por categoría. Finalmente, o dictame farase público na gala de entrega dos premios. 

Máis información e fotografías sobre as candidaturas:

http://www.coag.es/premioscoag/candidaturas/presentacion.aspx