A Cámara de Santiago organizará este ano dezaoito misións comerciais e asistencia a feiras internacionais en diversos países de todo o mundo

Son accións incluídas no Plan Internacional de Promoción e no Foexga 

Fernando Pérez-Soba, técnico de Promoción Internacional: “A internacionalización das empresas é un eixo estratéxico prioritario da actividade da Cámara”

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela presenta o calendario de accións de internacionalización para 2017, incluídas no Plan Internacional de Promoción (PIP), que conta co apoio de fondos FEDER a través da Cámara de España, e o Plan de Fomento das  Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinado polo Igape, ambos co obxecto de fomentar as exportacións das empresas galegas.

A través do PIP, a Cámara de Santiago organizou xa o mes pasado, entre os días 23 e 28 de febreiro, a visita e participación na feira do sector da planta ornamental IPM ESSEN en Alemaña, primeira feira europea do sector que agrupa a unha ducia de empresas galegas que superaron a crise e buscan un reforzo comercial en Europa. Ademais, ten previsto para o primerio semestre do ano a asistencia á feira de turimo de París, entre o 15 e o 20 de marzo, á feira WTM Sao Paulo de turismo, entre o 3 e o 8 de abril, e ao Expogourmet de Viena de produtos de alimentación, bebidas e gourmet do 3 ao 6 de abril.

Xa no segundo semestre de 2017, a Cámara xestionará a participación  na feira Speciality Fine Food de Londres, destinada á alimentación e bebidas, que se celebrará entre o 2 e o 6 de setembro. No mes de outubro, as empresas poderán asistir ao encontro editorial e de artes gráficas Buchemesse nde Francfort (entre os días 10 e 16) e á feira de turismo italiana TTG Rimini que se celebrará entre o 12 e o 16 de outubro.

O mes de novembro estará completo coa organización de catro accións, coa misión multisectorial a Perú e Colombia do 7 ao 16; a participación na feira de maquinaria de pesca e conservera  Expopesca de Lima do 7 ao 11; a misión plurisectorial de naval e industria auxiliar en Singapur e Indonesia (datas sen confirmar); e a misión de madeira e maquinaria para maderia a Australia e Nova Zelanda (datas sen confirmar).

Co programa Foexga, a Cámara de Santiago ofrece ás empresas para 2017 sete misións plurisectoriais a Cuba (13-17 de marzo); Perú e Chile (2-9 de abril); Arxentina e Uruguai (23-30 de abril); Emiratos Árabes Unidos e Qatar (7-8 de maio); Indonesia (1-8 de xuño); Sudáfrica e Namibia (23-27 de xuño); e a asistencia á feira Fancy Food de Nova Iork (23-28 de xuño), especializada no sector da alimentación gourmet.

Dous eventos promocionais en 2016

Por outra parte, a Cámara explica que en 2016 celebrou dúas accións de internacionalización do Foexga, unha misión comercial a Perú e Colombia, do 13 ao 20 de novembro, na que participaron sete empresas –dúas firmas pertencentes á Cámara compostelá–, e a participación no salón Galician Extravaganza Gourmet de Winterthur en Suíza, do 11 ao 13 de decembro, coa participación de 13 empresas, dúas delas de Santiago.

Ademais, a Cámara expediu o pasado ano 1.982 certificados de orixe entre empresas da demarcación cameral, o que supón un incremento do 15 por cento sobre os datos de 2015 cando xa se experimentara unha subida do 8 por cento. Este incremento dos últimos anos apunta a un claro reflexo do impulso exportador das empresas da demarcación cameral de Santiago. O técnico de Promoción Internacional sinala que a internacionalización das empresas é un “eixo estratéxico prioritario” da actividade da Cámara, que se intensificou de maneira especial nos últimos 25 anos, cunha continuidade nos programas de promoción, información, asesoramento e iniciación á exportación. “Miles de empresas galegas participaron nas diferentes accións propostas pola Cámara e nunha alta porcentaxe alcanzaron o éxito coa súa presenza permanente ou coa apertura de relacións comerciais en diversos mercados exteriores” –explica Fernando Pérez-Soba–.