A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) puxo en circulación o número 39 da súa revista anual FONSECA, editada en formato dixital pero maquetada como publicación impresa. A cabeceira abre co vixésimo aniversario da asociación, que foi impulsada polo daquela reitor Darío Villanueva e cuxo primeiro presidente foi Juan Casares.
Artigos sobre o Campus da Cidadanía, asinado por José Antonio Caride, a integración dos ex alumnos por Ángel Álvarez Prechous, a innovación e mercados por José Antonio Montero, e as persoas sen fogar por Cáritas Interparroquial de Santiago figuran na publicación, que conta con 24 páxinas.
Actividades relevantes como o exitoso encontro sobre Intelixencia Emocional, que congregou a 160 participantes; culturais, como o fallo do Premio de Relato Curto –gañado por María González Blanco–; deportivas, como as rutas de sendeirismo e a realización do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra; ademais da sección “Recanto da Saudade”, que recolle as habituais fotos de familia dos aniversarios de promocións das carreiras aparecen reseñadas.
No editorial, a presidenta de Alumni USC, Benita Silva, chama a atención sobre o feito de que aínda hai moita xente en Santiago que non coñece a asociación, polo que “cómpre darlle unha maior difusión para medrar”.
A revista pode verse e descargarse no seguinte enderezo web da Asociación: https://issuu.com/asociacionantigosalumnosusc/docs/fonseca_ok