O Consorcio de Santiago presentou en 2016 un total de sete novas publicacións vencelladas á cidade

Entre elas destaca a primeira edición en galego de Historias de Compostela de Filgueira Valverde, a historia debuxada de Compostela ou un facsímile coas memorias do Arzobispado de Santiago no século XVII

O Consorcio de Santiago presentou en 2016 un total de sete novas publicacións vencelladas á cidade, coeditadas en colaboración con outras editoriais. Increméntanse así os fondos das seis coleccións coas que conta a biblioteca do organismo interadministrativo: biblioteca facsimilar, científica, de divulgación xacobea, literaria, de imaxes, xunto á infantil e xuvenil.

Coa editorial Alvarellos e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística -responsable da tradución-, o Consorcio publicou a primeira edición en galego de Historias de Compostela de Xosé Filgueira Valverde. Son un total de 17 crónicas nas que o autor fai un repaso pola Compostela medieval, o Apóstolo e as súas tradicións, as festas da cidade no Barroco e o Camiño de Santiago.

Xunto á Universidade de Santiago, editou un libro sobre a Cátedra de Farmacoloxía da Facultade de Medicina da USC. É un estudo do catedrático Ángel Belmonte, complementado con aportacións do profesor José Carro Otero.

O Consorcio e Alvarellos Editora tamén sacaron á luz este ano unha nova edición actualizada da historia debuxada de Compostela, obra do arquitecto Arturo Franco Taboada que documenta graficamente máis de 2.000 anos de construción da cidade.

O Consorcio e Teófilo Edicións publicaron Periferias y (Des)bordes, o segundo tomo da investigación Evolución urbana y cambios morfológicos, Santiago de Compostela 1778-1950 do arquitecto e profesor compostelán Pablo Costa Buján. O libro recolle a expansión urbana de Santiago neste período, a través dos seus ensanches residencial, universitario e de esparcemento.

Pola súa parte, Minerva, la diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, do historiador José Manuel García Iglesias, analiza os espazos e obras artísticas emblemáticas da cidade de Santiago que están vencelladas ao saber. A publicación está coeditada polo Consorcio e Andavira Editora. Foi a obra gañadora do III Premio de Ensaio Histórico “Domingo Fontán”, que promoven a Real Sociedade Económica de Amigos do País e a Universidade de Santiago.

A Universidade de Santiago e o Consorcio coeditaron as Memorias del Arzobispado de Santiago. O cóengo cardeal Jerónimo del Hoyo realizou unha visita pastoral a Santiago entre 1603 e 1620, que testemuñou nun extensísimo manuscrito conservado no Arquivo Diocesano e que acaba de ver a luz como facsímile.

Finalmente, baixo o título Ramón Sánchez Estalote. Memoria dun tempo, o Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións veñen de presentar un libro con máis de duascentas imaxes do fotógrafo compostelán, que retratou a cidade durante cinco décadas do século XX. A responsable de reunir estas instantáneas foi a crítica de arte Mercedes Rozas.