A Cámara de Santiago organiza catro encontros empresariais para principios de ano do sector da planta ornamental, pesca e turismo

As accións forman parte dos Plans de Promoción Internacional, que desenvolverá con fondos FEDER da Unión Europea, e do Foexga

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela ten xa elaborados os Plans de Promoción Internacional que desenvolverá durante 2017, co apoio dos fondos FEDER da Unión Europea.

Comezarán en xaneiro coa participación e visita de profesionais do sector de planta ornamental á Feira IPM de Essen (Alemaña), primeira feira europea do sector e que agrupará a unha ducia de empresas galegas que superaron a crise e buscan un reforzo comercial en Europa. Celebrarase do 22 ao 28 de xaneiro.

En febreiro, do 14 ao 19 de febreiro, asistirase á Feira Halieutis de Agadir (Marrocos), onde asistirán moitas empresas galegas do sector de maquinaria e implementos para pesca e conserva de peixe. Esta acción realízase no ámbito do FOEXGA en colaboración co IGAPE e fondos FEDER.

En marzo e abril será a quenda da promoción do potente sector turístico galego. Dous salóns serán o foco de atención, o de Turismo de París (15-20 de marzo) e o World Travel Market de Sao Paulo (Brasil), que durante os días 4 ao 6 de sbril reunirá a todo o sector americano dedicado ao turismo, “un segmento de mercado no que Galicia debe ter moita máis presenza comercial e de promoción” –explican desde a Cámara–.

As empresas que queiran participar nestas accións poden solicitar información na sede da Cámara na rúa San Pedro de Mezonzo, 44 ou na web cameral: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=4E0&p=39#.WFjtJX1TBKo.

planta-ornamental