O bufete de avogados Rivas & Montero inicia un ciclo de conferencias empresariais que amosarán diferentes experiencias de modelos de xestión

montero_wO primeiro convidado será o profesor Ángel Carracedo, que abordará os principais retos da transferencia do coñecemento da universidade ao mundo empresarial

O bufete de avogados Rivas & Montero, con sede en Santiago, leva máis de dúas décadas dedicado ao asesoramento xurídico a empresas e institucións. Ao longo deste anos foron adaptándose aos cambios sociais e, na actualidade, están especializados en tres campos de referencia: a resolución de problemas legais que lle xorden a empresas e institucións; a transmisión do patrimonio empresarial, co fin de garantir a viabilidade dun negocio ou empresa tras un relevo familiar; e a transferencia de tecnoloxía.

Agora o bufete inicia unha nova etapa para dar resposta aos desafíos que se presentan neste ámbito, cun ciclo de conferencias de carácter empresarial, que amosarán diferentes experiencias sobre modelos de xestión. Arrancarán o 15 de decembro coa transferencia de tecnoloxía como tema central. O convidado será o profesor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, que abordará os principais retos da transferencia do coñecemento da universidade ao mundo empresarial como director do Grupo de Medicina Xenómica da USC. Será no edificio Feuga de Santiago.

A transferencia de tecnoloxía, unha realidade en alza pero complexa

Á fronte do bufete están os letrados José Antonio Montero e Cristina Pedrosa. En relación á transferencia de tecnoloxía, Pedrosa salienta que “a maior parte da investigación en España realízana institucións públicas, principalmente universidades e centros de investigación. E estase a converter nun problema o feito de que o resultado desas investigacións non chega á economía real ou aos procesos produtivos, quedando en moitos casos en supostos de laboratorio”. Nesta liña, o bufete presta servizos de asesoramento especializado a institucións, empresas e investigadores que apostan por investir en I+D+i.

Neste eido, asesoran respecto ás diferentes formas de constitución dunha empresa de base tecnolóxica. Abordan a transferencia de tecnoloxía do sector público ao privado, como é o caso da universidade á empresa. Para iso teñen en conta se o capital é público e/ou privado ou as posibles incompatibilidades nas que poden incorrer os investigadores á hora de crear unha empresa, xa que ao mesmo tempo son traballadores públicos.

Propoñen a estas novas empresas novos medios de financiamento como o crowdfunding. Axudan aos investigadores nos contratos de explotación que poden xurdir dos resultados da investigación e infórmanlles da protección xurídica destes resultados, a través de patentes nacionais, europeas ou internacionais.

Os letrados destacan a importancia de inculcar a cultura empresarial no ámbito científico e universitario, fomentar a creación de empresas, proporcionándolles aos investigadores e científicos un perfil empresarial e xurídico que facilite a súa entrada no mundo da empresa.

José Antonio Montero: “En Galicia hai unha necesidade importante de ampliar mercados. As empresas teñen que reinventarse”

José Antonio Montero, que ademais é profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago, tanto na Facultade de Dereito como na de Administración e Dirección de Empresas, pon de manifesto que “en Galicia bótanse de menos cidades industriais. Moitas das grandes empresas están en procesos de reestruturación, de relevo xeracional e mesmo en proceso de reubicación. Xorde pois unha necesidade importante de ampliar mercados”.

“Estamos nun punto de inflexión no que as empresas teñen que reinventarse. O modelo antigo, dos anos 70 ou 80 do pasado século, xa caducou. Á marxe da crise económica, estamos xa nunha nova orde socioeconómica” -afirma Montero-.