O percusionista da Orquesta Sinfónica de Sevilla e o fagotista da Orquesta Sinfónica de Madrid impartirán clases a vindeira semana na Escola de Altos Estudos Musicais

inaki_martinPara participar nestas sesións cómpre estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música

A Escola de Altos Estudos Musicais, con sede en Santiago, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana estarán na escola o percusionista madrileño Iñaki Martín e o fagotista valenciano Francisco Alonso. Formarán nestes instrumentos tanto aos estudantes da Escola como a alumnos externos interesados en perfeccionar a súa interpretación.

As clases con Iñaki Martín celebraranse o luns 14 e o martes 15. E as sesións con Francisco Alonso terán lugar o martes 15 e o mércores 16. Os músicos externos ao centro que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Deberán estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio.

Profesor de percusión no Conservatorio de Sevilla

Iñaki Martín fórmase no Conservatorio Superior de Música de Madrid e amplía os seus estudos en Ámsterdam. Tras colaborar con diversas orquestras españolas, está integrado na plantilla da Real Orquesta Sinfónica de Sevilla dende a súa fundación, en 1991. Ademais, dirixe o departamento de percusión do Conservatorio Profesional de Sanlúcar la Mayor (Sevilla). É solicitado con frecuencia por orquestras xoves de todo o país para a formación de futuros percusionistas.

Profesor de fagot na Escuela Superior de Música Reina Sofía

Francisco Alonso comezou os seus estudos musicais en Valencia e continuou a súa formación en Alemaña. Na actualidade é Profesor Asistente e de Perfeccionamento Orquestral da Cátedra de Fagot na Escuela Superior de Música Reina Sofía. Foi membro da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), da Xove Orquestra da Unión Europea e tamén da Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias. Coa Filharmónica de Berlín realizou xiras por Europa, Estados Unidos e Xapón. Dende 1998 é solista da Orquesta Sinfónica de Madrid baixo a dirección do mestre Jesús López Cobos.