A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC) reanudou a convocatoria do Premio Relato Curto, pero outorgando como premio unha dotación económica de 500 euros, cantidade que achega xenerosamente o Instituto Policlínico La Rosaleda.
Finalizado o prazo de recepción de orixinais, a entidade rexistrou a entrega de corenta e dous traballos que agora serán valorados polo xurado integrado polos asociados: Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica da USC; Juan Blanco, director do Servizo de Publicacións da USC; e María Jesús Cundines, licenciada en Historia da Arte pola USC; ademais de Mar Fernández, secretaria da Asociación, que actuará con voz pero sen voto.
A presidenta de Antigos Alumnos, Benita Silva, indica que este certame é unha das actividades culturais da asociación coa que se pretende chegar ao maior número de persoas posible, ao tempo que manifestou a súa satisfacción polo éxito da convocatoria. “É unha participación extraordinaria, tendo en conta a competencia que hai dos concursos literarios. Grazas ao patrocinio de La Rosaleda logramos recuperar unha actuación que nos conecta abertamente con todo tipo de públicos e coa creación literaria. Estamos moi contentos”.
A previsión inicial é que a decisión do xurado se faga pública antes de fin de ano, e a entrega, para a que aínda non hai data, celebrarase no marco dun acto marcadamente literario.