Empresas galegas do sector da alimentación e bebidas poderán participar na feira “Galician Gourmet Extravaganza” que se celebrará o 12 de decembro en Suíza

A Cámara de Santiago organiza esta acción exterior que terá aberta a súa inscrición ata o 11 de novembro

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela convocou unha acción exterior para o mes de decembro, que forma parte do Plan FOEXGA 2016-2017, no que participa a entidade cameral e o IGAPE a través de Fondos FEDER da Unión Europea. As empresas da demarcación cameral e do resto de Galicia dedicadas á alimentación e bebidas poderán participar na exposición “Galician Gourmet Extravaganza”, un evento de promoción internacional da gastronomía galega que se celebrará o 12 de decembro na cidade de Winterthur, no cantón de Zúrich en Suíza (Hotel Banana City).

O encontro ten como obxecto aumentar as exportacións, atraer turismo de calidade e promocionar a marca Galicia. Consiste nunha feira de degustación de produtos galegos de alta calidade. Os participantes, ademais de degustar tapas feitas cos produtos das empresas expositoras, probarán de forma gratuíta un menú degustación de alta cociña galega.

A organización do evento prevé unha asistencia de 500 profesionais de cadeas de supermercados, grandes almacéns, maioristas de alimentación e bebidas, importadores de viños, distribuidores, operadores de catering, hoteis de 4 e 5 estrelas, tour operadores, restaurantes en Guía Michelin, restaurantes españois e tendas de delicatesen, entre outros. Esta feira xa se celebrou con éxito en Londres, Bruxelas e Berlín, sempre co apoio da Embaixada de España en cada país.

As empresas que queiran participar nesta acción poden solicitar información na sede da Cámara na rúa San Pedro de Mezonzo, 44 ou na web cameral: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=4E0A0&p=5#.WBIhv8mbdKo.

Máis información da feira: http://gourmetextravaganza.com/tour-galicia/

gge-menu-poster-english