A Cámara de Santiago organiza dúas misións exteriores no mes de novembro a Perú e Colombia e á feira da construción de Dubai

O prazo de inscrición para as dúas accións pecharase nos vindeiros días

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela convocou dúas accións de internacionalización para o mes de novembro, que forman parte do Plan FOEXGA 2016-2017, no que participa a entidade cameral e o IGAPE a través de Fondos FEDER da Unión Europea.

A primeira acción será unha misión comercial directa a Perú e Colombia. Celebrarase entre os días 13 e 20 de novembro. O obxecto da misión será que as empresas interesadas poidan coñecer estes mercados, “os mellores pola súa proxección de crecemento de toda a área sudamericana”. A Cámara destaca que son países con estabilidade política e económica e con moitos sectores con posibilidades de cooperación e de investimento: agroalimentario, maquinaria industrial, forestal, pesqueira, enxeñería, construción, canalización de aguas ou desenvolmentos turísticos.

As exportacións galegas a Perú estabilizáronse o pasado ano 2015, baixo o efecto da corrente de “El niño”, fenómeno climatolóxico que afecta ao país, e tiveron un gran impulso en Colombia aumentando en máis dun 15%. As empresas interesadas en participar nesta misión teñen de data límite de inscrición ata o 21 de outubro.

A finais de mes, a entidade cameral organiza unha visita á feira Big 5 Show de Dubai, o gran evento de materiais de construción da área de Oriente Medio con 3.100 expositores, a participación de 142 países e uns 74.000 visitantes na pasada edición. A feira abarca todos os subsectores, desde a maquinaria ata os principais materiais para acabados, cocinas, solos, iluminación, portas, ventás, calefacción ou aire acondicionado. A visita celebrarase do 20 ao 25 de novemebro. As empresas interesadas poden tramitar a súa solicitude de inscrición ata o 27 de outubro.

As empresas que queiran participar nestas dúas misións poden solicitar información na sede da Cámara na rúa San Pedro de Mezonzo, 44 ou na web cameral: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=4E0A0&p=5.

big-5_152100es1