A Cámara celebra dous obradoiros para difundir o programa gratuíto “Peregrinaxe Emprendedora”, no viveiro de empresas e na sede central

A formación permite mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas de menos de 30 anos

A Cámara de Comercio de Santiago celebrará dous obradoiros gratuítos, “Deseña o teu futuro: Atrévete”, para presentar o programa “Peregrinaxe Emprendedora”. O programa é unha acción destinada aos menores de trinta anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e enmarcada dentro da convocatoria de “Itinerarios de Emprendimiento Xuvenil” da Fundación Incyde para o ano 2016, a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

O primeiro obradoiro celebrarase o venres-21, entre as 10:00 e as 14:00 horas no viveiro de empresas de Costa Vella, e o outro taller terá lugar o mércores-26 na sede da Cámara de Comercio, entre as 18:00 e as 22:00 horas.

A iniciativa “Peregrinaxe emprendedoa” ten como obxecto mellorar a empregabilidade de mozos e mozas desempregadas que estean a iniciar o seu proceso de procura activa de emprego por conta propia ou allea, e por tanto, acceder ao mercado laboral.

De forma completamente gratuíta, “Peregrinaxe emprendedora” ofrece aos participantes acompañamento na transición desde a situación actual ata a actividade laboral. Os seleccionados terán a súa disposición un cadro de expertos que actuarán de guía e ofreceranlles axuda para acceder ao mercado laboral, deseñando para eles un itinerario de inserción personalizado e un programa de consultoría e mentorización de oito semanas de duración axustado as súas necesidades, de xeito que, como mínimo, lograrán mellorar os seus niveles de empregabilidade e as súas competencias. Os coñecementos adquiridos veranse ademais reforzados coa realización de estancias en empresas galegas.

En liñas xerais o programa inclúe para cada participante unha xornada de sensibilización motivacional, o desenvolvemento dun plan ou itinerario de emprendemento ou inserción personalizado, sete semanas de consultoría nas que participarán en catorce talleres prácticos e altamente motivadores, sete sesións de apoio titorizado e dezaoito horas de inmersión empresarial. Contarán tamén coa avaliación da súa empregabilidade pre/post e tres meses de apoio e seguimento.

As inscricións nestes obradoiros gratuítos ou mesmo no programa deben realizarse na sede central da Cámara (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo, tfno. 981 596 800) ou no viveiro de empresas (Polígono de Costa Vella, c/ República Checa, 40, tfno. 981 551 700 e correo electrónico vivero@camaracompostela.com).

Máis información: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=4D0H0&p=34#.V_9uNMmbdKo

imaxe-programa