O certame Gran de Area 2016 premia once proxectos de Vigo, Ourense, Ribadavia, Baiona e A Guarda

As delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia destacaron o “alto nivel” arquitectónico das propostas gañadoras

Presentáronse sesenta e sete candidaturas que dan resposta ás necesidades da sociedade e reflicten o “compromiso dos autores co proceso construtivo e a arquitectura responsable”

As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron  os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2016. Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade –arquitectos, promotores, construtores e aparelladores–. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor do contorno”.Este ano presentáronse sesenta e sete proxectos de diversas escalas e localizacións que se converten en oportunas reivindicacións da profesión e a arquitectura da provincia, axudando a mellorar o contorno e a modo de vehículo de comunicación para transmitir a cultura arquitectónica á sociedade. “As candidaturas dan resposta ás necesidades da sociedade e reflicten un compromiso dos autores e demais axentes involucrados no proceso construtivo coa arquitectura responsable. Amosan que a arquitectura é posible e cercana” –manifesta a organización–.

O acto de entrega de diplomas celebrarase o 21 de outubro no Café Moderno de Pontevedra

O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos, Manuel Abelleira, Antonio Davila e Alberto de Paula; un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, Sara Besada por Pontevedra, José Luís Sáez por Vigo, e Beatriz Hermida por Ourense; e a arquitecta Gracia Amandi premiada nunha edición anterior, e o secretario da delegación pontevedresa Anselmo Villanueva. Tras un longo debate e análise dos proxectos presentados, o xurado seleccionou 11 premiados que destacaron polo seu “alto nivel” e calidade arquitectónica.

Ademais, o vindeiro 21 de outubro celebrarase un acto de entrega de diplomas no Café Moderno de Pontevedra (Praza de San José. Afundación), ás 18:00 horas, para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro nas tres delegacións.

Proxectos premiados

– Piso Santo Domingo. Ourense

Arquitecto: Pablo López Prol

 – Vivenda sobre o Miño. Ourense

Arquitecto: Manuel Jorreto Díaz

– Heladería “Bico do xeado”. Baiona (rúa Alférez Barreiro, 4)

Arquitectos: Andrea Fernández Fernández, Faustino Patiño Cambeiro e Juan Ignacio Prieto López

– Rehabilitación Elduayen, 2. Vigo

Arquitectos: Rafael M. Cabeza Rey-Stolle (proxecto básico de rehabilitación e proxecto de execución e directores de obra en fase de construción); Santiago Castro Paz,  José Antonio González González e Francisco Javier Mariño Mendoza (proxecto recuperación uso vivenda); Rafael C. Valle González (arquitecto técnico e director de execución e coordinador de serguridade e saúde); Elduayen C.B. (propietario); Alonvi S.L. (contratista principal, Geinselec S.L. (instalacións) e Hermanos Vila Comesaña S.L. (carpintería de madeira)

– Zapatería FRIDAblu. Vigo (rúa Urzáiz, 46)

Arquitectos: Perfecto Cendón Domínguez e Javier Vázquez Fernández

– Vivenda Refuxio Crisalida. A Guarda (Salcidos)

Arquitecto: Mauro Lomba Martínez

– Museo do viño  no reitoral de Santo André. Ribadavia (Santo André de Camporredondo)

Arquitectos: Manuel Seoane Feijoo, María Jesús Blanco Piñeiro e M. Sonia López Calvo

– Espazo Lusquiños. Ourense (avenida de Marín, s/n)

Arquitectos: Carlos Mosquera Rey Palacio, Alberte Pérez Rodríguez e Enrique Iglesias Lima

– Centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas do Baixo-Miño. A Guarda

Arquitectos: Rodríguez + Pintos Arquitectos S.L.P.

– Edificio de catro apartamentos + local comercial. Vigo (rúa San Sebastián, 24-26. Casco Vello)

Arquitectos: Antonio de Cominges Carvallo e Rogelio Pérez Conde

– Verde (oficina). Vigo (rúa López de Neira, 9)

Arquitectos: Jordi Pérez Castro e María González Ferro