Os arquitectos de Santiago visitan o Colexio Maior A Estila e o Instituto Politécnico para conmemorar o Día Mundial da Arquitectura

Estes percorridos contaron coa participación da cidadanía e estiveron guiados por representantes dos centros

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou hoxe luns, 3 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “Deseñar un futuro mellor”, de acordo á convocatoria anual que fai a Unión Internacional de Arquitectos (UIA), organización que representa a 1,3 millóns de arquitectos de todo o mundo. Fronte a un maior número de desafíos mundiais, o papel da arquitectura, do urbanismo e da concepción arquitectónica é cada vez máis decisivo na construción dun futuro mellor.A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organizou nesta efeméride do Día Mundial da Arquitectura visitas guiadas abertas a toda a cidadanía ao Colexio Maior A Estila, obra de Miguel Fisac en 1949, pola mañá e pola tarde percorrido polo Instituto Politécnico de Santiago (antiga escola de maestría industrial e actual Centro Integral de Formación Profesional), obra de Fernando Moreno Barberá en 1959.

A visita ao Colexio Maior A Estila estivo guiada polo xerente do centro José Antonio Constenla. O arquitecto do edificio, Miguel Fisac, pertenceu a unha das xeracións máis lúcidas de arquitectos españoles, interesados por investigar e avanzar na aplicación de novos materiais e solucións construtivas. De igual maneira, iniciaron un proceso de redefinición do espazo para adaptalo ás novas necesidades funcionais.

O colexio maior universitario A Estila, corresponde a súa etapa inicial, é ten unha estética exterior claramente historicista. Mentres, a configuración dos espazos interiores reflicte a análise detallada que o arquitecto realizou para adaptalos a cada un dos usos, buscando unha funcionalidade ausente nas construccións da época. O proxecto que Miguel Fisac desenvolveu contemplaba a ordenación de todo o contorno, con bloques de vivendas colectivas que harmonizaban co estilo arquitectónico e a volumetría do colexio maior.

A visita ao Politécnico estivo dirixida polo seu director José Manuel Leis. A obra de Moreno Barberá en Galicia comenza co “Anteproxecto da Hospedería dos Peregrinos” en Santiago de Compostela. En 1958, levará a cabo os proxectos de tres importantes edificios docentes en Galicia, entre os que se atopa a Escola de Maestría Industrial en Santiago de Compostela.

Desde a súa orixe, o proxecto estivo moi condicionado polas necesidades de luminosidade e flexibilidade funcional. Propuxo unha estrutura liviana de pórticos de grandes luces, para evitar que os soportes intermedios condicionaran os usos. As fachadas péchanse con bastidores prefabricados, onde se incorporan distintos elementos de instalacións. Toda a zona de talleres deseñouse como espazos diáfanos de traballo. Situado nunha zona periférica da cidade, Moreno Barberá optou por unha tipoloxía de arquitectura moderna, rodeándose dunha zona verde, que penetra baixo as pezas que se elevan sobre pilares de formigón, e conectado coa rede viaria mediante a articulación de percorridos diferenciados para vehículos e peóns.