A Cámara de Santiago e a Xunta salientan a cooperación como clave para que as exportacións galegas sigan medrando

O presidente cameral, Jesús Asorey, e o director do Igape, Javier Aguilera, avaliaron as próximas convocatorias de misións empresariais amparadas polo Plan FOEXGA para 2016 e 2017

Ten previsto organizar misións a mercados como Suíza, Chile-Arxentina, India, Perú-Colombia ou Emiratos Árabes Unidos

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o director Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, destacaron hoxe o valor da cooperación como unha das claves para conseguir que as exportacións das empresas galegas sigan medrando. No encontro estiveron acompañados polo secretario xeral da entidade cameral, Fernando Barros.Durante o encontro, desenvolvido esta mañá na entidade cameral de Santiago, Asorey e Aguilera avaliaron as misións empresariais que prevé organizar a entidade cameral compostelá durante os próximos meses, ao amparo da nova edición do Plan Foexga para 2016 e 2017, que vén de ser publicada no DOG. Impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e coordinado polo Igape, o Plan Foexga ten entre os seus obxectivos fomentar e consolidar a presenza das empresas galegas nos mercados exteriores, aumentar a base de empresas exportadoras e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións.

O director do Igape destacou que a colaboración, tanto entre institucións e entidades experimentadas en comercio exterior como entre empresas, constitúe un valor firme para avanzar de forma máis fiable e segura nos procesos de internacionalización das empresas galegas, especialmente das pemes.

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela fará públicas en datas próximas as súas primeiras convocatorias para misións plurisectoriais cara a mercados como Emiratos Árabes Unidos-Qatar, Chile-Arxentina, India ou Perú-Colombia, así como misións do sector turístico a Suíza. O ano próximo, a Cámara tamén prevé organizar misións multisectoriais cara a outros mercados como Vietnam-Malaisia, Sudáfrica-Namibia ou Alemaña.

O Plan Foexga poderá facilitar, a través das Cámaras de Comercio galegas adherida que organizarán e convocarán as misións internacionais, a posta en marcha de accións e misións internacionais que buscan impulsar o crecemento das exportacións e a apertura das pemes aos mercados internacionais. A convocatoria do Foexga, que se acaba de activar, contempla máis de medio cento de mercados de todo o mundo considerados prioritarios para o tecido empresarial galego. Despois de acadar un récord histórico en 2015, con máis de 18.830 millóns de euros, as exportacións galegas seguen a medrar no que vai de ano, cun incremento do 4% ata o pasado mes de xullo.reunion-camara-santiago-e-igape-aguilera-asorey-y-el-secretario-de-la-entidad-cameral-fernando-barros-1 reunion-camara-santiago-e-igape-aguilera-asorey-y-el-secretario-de-la-entidad-cameral-fernando-barros-2