O Ensanche compostelán celebrará o 1 de outubro unha festa con música e unha feira na que participarán máis de cincuenta comercios

O seu tecido asociativo, co apoio do Concello, promove a celebración para facer do Ensanche “un barrio agradable, vivo e dinámico”

A asociación de veciños Raigame, en colaboración coa fundación Santiago Centro, Panxea Comercio Xusto, Proxecto EmRede, Santiago Futsal e o Concello de Santiago, promove a celebración do cincuenta e seis aniversario do Ensanche compostelán cunha gran festa o vindeiro 1 de outubro. Tralo éxito acadado na primeira edición de 2015 para celebrar o seu 55 aniversario, o tecido asociativo do Ensanche une forzas de novo para organizar unha nova edición, nomeada “56 anos vivindo O Ensanche”.

O coordinador do evento, Xosé Manuel Durán, sinala que a celebración xa se vai asentando como un referente na cidade co obxecto de integrar a toda a cidadanía, e para que os veciños e veciñas e o comercio busquen as súas raíces e fortalezan as súas relacións para facer do Ensanche “un barrio agradable, vivo e dinámico”.

A festa inclúe unha feira do comercio na que se espera a participación dun máximo de cincuenta e catro comercios e firmas, cuxos stands ocuparán parcialmente as rúas de San Pedro de Mezonzo, Diego de Muros, Rodríguez Carracido e Ramón Cabanillas. Nesta celebración colabora activamente o departamento de Comercio do Concello de Santiago.

Ademais, a festa estará animada por pasarrúas e as actuacións musicais de Nastasia Zurcher, Dani Barreiro e Cantata Vernácula (baixo carpa). Celebraranse torneos de xadrez, na rúa Santiago del Estero, de baloncesto infantil e xuvenil 3×3 coa colaboración de Tiro Libre, na Praza Roxa, un taller de prensa para os maiores de 11 anos, no Centro Sociocultural O Ensanche, e tamén xogos populares. Haberá unha polbeira na Praza Roxa.

Busca o globo verde

Con ánimo de que o comercio teña un lugar destacado nesta celebración, a organización ofrecerá rifas personalizadas a todos aqueles establecementos que desexen colaborar nesta campaña do comercio. As rifas terán unha imaxe do comercio, a promoción que se oferta e a duración da mesma. Todos aqueles establecementos que o día 1 de outubro ofrezan algunha promoción terán na entrada do comercio un globo verde para indicalo. Dito globo verde permanecerá visible mentres dure a promoción. Ao remate da feira do comercio sortearanse máis de 50 agasallos doados por varios establecementos da cidade.

As bases para participar están distribuídas nos comercios adheridos a EmRede e Santiago Centro, e publicadas no Facebook do evento – https://www.facebook.com/55anosnoensanche?fref=ts -. Para inscribirse na feira hai un correo electrónico de contacto: 55anosensanche@gmail.com.

 

cartel-feira-do-comercio-do-ensanche