Gastronomía, lingua e literatura xúntanse nun congreso en Santiago que clausurarán os titulares das Academias española e italiana: Darío Villanueva e Claudio Marazzini

O programa compleméntase cunha cata de viños e queixos de denominacións de orixe de Galicia, un cóctel con produtos do mar e un show cooking na Praza de Abastos

O evento “quere ser tamén unha ocasión de encontro entre o mundo científico e o dos profesionais da restauración”

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- Os profesores da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Mercè López e Benedict Buono organizan o congreso internacional sobre literatura e gastronomía en Italia e a Península Ibérica, que se celebrará do 21 ao 23 de setembro no auditorio ABANCA (Cervantes) coa participación dun cento de estudosos e especialistas. De forma complementaria exhibirase unha exposición no mesmo centro, con libros de cociña desde o s. XVI ao s. XX.

O programa, que inclúe seis conferencias plenarias e 35 comunicacións, nomeou como presidentes honorarios a Darío Villanueva –director da Real Academia Española– e o seu homólogo italiano Claudio Marazzini –presidente da Accademia della Crusca–. Tamén haberá dous relatorios divulgativos abertos a todos os públicos: Segundo Vázquez Portomeñe –experto na materia– dictará “A cociña monástica no Camiño de Santiago”, e Oreste Gualillo –investigador do Hospital Clínico Universitario de Santiago, falará sobre o aceite de oliva e os remedios farmacolóxicos e alimentos antigos.

Unha cata de viños e queixos das denominacións de orixe de Galicia, un cóctel de produtos do mar e un show cooking (espectáculos de cociñar) na Praza de Abastos, organizado polo Centro Superior de Hostelería de Galicia e titulado “Paralelismo entre literatura e gastronomía: A propósito de Álvaro Cunqueiro”, completan o programa, que polo miúdo abordará os libros de cociña, receitarios, léxico e literatura gastronómica do tempo actual e Idade Contemporánea, así como do Renacemento e o Medievo.

O programa indica que desde a tendencia universal da cociña renacentista á formación de tradicións locais ben definidas, ata o hibridismo da cociña moderna, a gastronomía tamén expresou a súa forza creadora e innovadora a través da lingua e da literatura. Os organizadores destacan que o presente congreso “quere ser tamén unha ocasión de encontro entre o mundo científico e o dos profesionais da restauración, así como servir de espazo de reflexión sobre o pasado e o futuro da cultura gastronómica”.

As entidades colaboradoras principais son ABANCA Obra Social, a Xunta de Galicia, o Centro Superior de Hostelería de Galicia, Galicia Calidade e o Institut Ramon Llull (organismo público catalán para a promoción exterior da lingua e cultura catalanas).

Mercè López